Skip to main content

Os establecementos poden adherirse desde hoxe á terceira edición do Bono Activa Comercio

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, lembrou que dende hoxe os establecementos interesados poden adherirse a unha nova convocatoria do Bono Activa Comercio. Aneiros visitou o negocio Cloti&Fifí con motivo do lanzamento desta iniciativa da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Nesta terceira convocatoria, o Bono Activa Comercio da Xunta conta cun orzamento de 2,5 M€ e permitirá mobilizar 8,5 M€ en ventas, tal e como avanzou a representante do Goberno galego durante a visita. “A Xunta segue a manter o seu compromiso co pequeno comercio e coas familias neste contexto de alza de prezos, co obxectivo de reducir o impacto que a inflación está a ter na súa economía”, explicou.

As persoas consumidoras poderán descargar a partir do próximo 15 de maio na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos. O importe irase reducindo en función do valor da compra en diferentes tramos: para compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30, correspóndelles un desconto de 5 euros; para iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50, a rebaixa será de 10 euros; mentres que para compras a partir de 50 euros o desconto alcanzará os 15 euros.

Os bonos, que terán un formato dixital QR, estarán dispoñibles para a súa descarga e uso ata o 15 de setembro ou ata o esgotamento do crédito.
Como novidade desta convocatoria e, coa finalidade de optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargar os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance o crédito previsto (2,5 M€), os bonos descargados xa non se poderán empregar.
R.