Skip to main content

Jorge Fernández González recibe o V Premio CGAC de investigación e ensaio a polo orixinal 'A caverna baleira'

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, entregou hoxe o galardón da V edición do Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea a Jorge Fernández Gonzalo polo traballo A caverna baleira. Catálogo de arte inmaterial, imposible e inexistente.

O representante da Xunta de Galicia lembrou que a decisión de outorgar o premio a Jorge Fernández González foi adoptada por unanimidade do xurado, que valorou especialmente a oportunidade e vixencia do tema tratado así como o enfoque multidisciplinar do traballo.

A caverna baleira é un ensaio-ficción motivado polo descubrimento azaroso dun suposto Instituto de Arte Inexistente. A partir deste achado, o autor constrúe un texto que conduce ao lector a través dos diversos enfoques teóricos, categorizacións e xenealoxías aplicables á arte inexistente. A tal fin, revisa algunhas das liñas de contraprodución estética que marcaron o cuestionamento do obxecto artístico e propón un itinerario a través das obras de arte inexistentes e doutras cuxa existencia é cuestionada.

Jorge Fernández Gonzalo (Madrid, 1982) é doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense cunha tese sobre a poesía de Claudio Rodríguez. Á súa tarefa investigadora hai que engadirlle unha recoñecida traxectoria como poeta, con cinco poemarios publicados e premios como o Joaquín Benito de Lucas ou o premio Hiperión de poesía. Codirixe a publicación dixital Revista Neutral, especializada na obra e o pensamento de Maurice Blanchot, e publicou unha trintena de estudos sobre poesía, filosofía e pensamento en revistas especializadas. A súa obra Filosofía zombi foi finalista do Premio Anagrama de Ensaio en 2011.

Nova edición

No mesmo acto, o representante da Consellería de Cultura presentou o libro Memoria do azul, de Laura Calvo Gens, gañadora da III edición. Neste texto a autora traza un itinerario polos diversos ámbitos da creación contemporánea a través do uso da cor azul como monocromo que establece simbolismos e sinestesias.

O director xeral de Cultura aproveitou tamén para animar a participar na VI edición do Premio CGAC. “Trátase dun galardón pensado para promover a creación ensaística en lingua galega no ámbito das artes e a cultura contemporánea e as obras pasan, ademais, a formar parte da colección CGAC Ensaio”, explicou. “Deste xeito. o Goberno galego apoia o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea e á comunicación social das artes plásticas”, sinalou.

Ao premio, dotado con 3.000 €, poden presentarse as persoas maiores de idade con textos inéditos escritos en galego relacionados con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea. As propostas serán de tema libre e deben ter carácter divulgativo, cunha extensión de entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos espazos. Debe entregarse de xeito anónimo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, unicamente co título ou lema na portada. O prazo de presentación finaliza o 29 de setembro.

O xurado, composto pola dirección do CGAC e tres personalidades de recoñecido prestixio do medio artístico-literario, terá en conta nos seus criterios de valoración a orixinalidade do enfoque e elementos de innovación e creación, a singularidade da perspectiva histórica ou metodolóxica, e a calidade literaria do texto. O premio poderá quedar deserto. A resolución darase a coñecer nun prazo de dous meses a partir do día seguinte ao peche da presentación de solicitudes.

Os textos premiados desde a creación do premio en 2018 son A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, de Rosendo Cid; Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea, de María Marco Covelo; Memoria do azul. A afección monocroma do contemporáneo, de Laura Calvo Gens; O menor: procesos a-significantes na arte contemporánea, de Matías G. Rodríguez-Mouriño, e A caverna baleira. Catálogo de arte inmaterial, imposible e inexistente, de Jorge Fernández Gonzalo
R.