Skip to main content

Investigadores do CiMUS e da Fundación Galega de Medicina Xenómica identifican xenes responsables da severidade da COVID

A investigación sobre enfermos críticos de COVID da que se fai eco ‘Nature’ responde ao traballo desenvolvido por tres consorcios: os británicos GenOMICC (11.440 casos), que coordina o traballo, e ISARIC4C (676), e o español SCOURGE (5.934 casos), coordinado polo catedrático de Medicina Legal da USC e investigador do CiMUS e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), Ángel Carracedo, xunto con Pablo Lapunzina do Hospital La Paz, desde o Cento de Investigación en Rede (CIBER), do ISCIII. No citado estudo, realizado no Centro Nacional de Xenotipado (Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, IDIS) participaron máis de 30 hospitais e centros de investigación de España As investigadoras Raquel Cruz (CIBERER e CIMUS-USC) e Silvia Diz (CiMUS da USC) realizaron a parte estatística e de interpretación.

“O estudo mostrou 49 rexións xenómicas asociadas nas que se estudaron as posibilidades de novas terapias con novos modelos de análises e atopáronse dianas terapéuticas de moito interese sobre as que se poderían usar fármacos de reposicionamento nalgúns casos e que inclúen rutas de inflamación (JAK1), activación monocito-macrófago (PDE4A), inmunometabolismo (SLC2A5, AK5) e factores do hóspede necesarios para a entrada dos virus e o seu replicación (TMPRSS2, RAB2A)”, segundo explica Ángel Carracedo.

Os resultados da investigación, que contou co apoio da Fundación Amancio Ortega Gaona, Banco de Santander S.A., Instituto de Saúde Carlos III (COV20/00622) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, constatan que a COVID posúe unha variabilidade de presentación entre os individuos, a algúns dos cales afecta de forma moi grave mentres que outros que teñen formas asintomáticas. Unha porcentaxe importante desas diferenzas son xenéticas e estúdanse con análises masivas de asociación que se denominan GWAS. Neles analízanse en cada individuo preto dun millón de datos xenéticos (SNPs) e compáranse os dous grupos (os de COVID severo e os que non).

O equipo científico responsable deste novo traballo arredor da COVID quere facer público o seu “especial agradecemento a todos dos enfermos que participaron no estudo, así como ao Banco Nacional de ADN, Biobanco do Sistema de Saúde de Aragón, Biobanc Fundació Institut d'Investigació Sanitària Illes Balears, Biobanco do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Biobanco Vasco, pola súa colaboración e polo material achegado”.
R.