Skip to main content

A Xunta insiste na necesidade dunha reunión urxente co Ministerio de Agricultura sobre a discriminación que sofren os gandeiros galegos nas axudas da seca

Nesa liña, o titular de Medio Rural anunciou para o próximo 13 de xuño a convocatoria da primeira reunión do grupo de traballo con asociacións, sindicatos e organizacións agrarias que analizará “sector por sector” cales son os máis prexudicados, non só pola seca senón tamén polos seus efectos no incremento dos custos de produción. Uns representantes do sector cos que se asinou -precisamente- a última carta enviada ao ministro de Agricultura, Luis Planas, sinalando o seu rexeitamento a que os gandeiros da carne e do leite galegos tan só teñan previsto recibir un 25 % dos importes previstos no Real Decreto-lei, e a necesidade dunha xuntanza urxente para rectificar a situación.

O conselleiro puxo en valor que o Goberno galego sempre “está ao carón do sector agrogandeiro galego non só con axudas directas anuais, senón tamén coa posta a disposición de achegas extraordinarias sempre que é necesario” co gallo de garantir o seu futuro, mesmo cando non contan co apoio do Goberno central, dixo. Nese contexto enmarcou dúas liñas de axudas nas que se está a traballar: unha ligada á produción de carne de calidade con base territorial e outra a contemplada no anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais para gandeiros en extensivo que mediante a súa xestión do territorio colaboren na prevención do lume. Tamén se debaterán -entre outras- melloras no prego de condicións da indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega, para mellorar a posición dos gandeiros.

Na súa intervención parlamentaria, o conselleiro debullou ademais todas as medidas “económicas e non económicas” postas en marcha pola Xunta a prol do sector agrogandeiro. Así, mencionou as axudas directas do primeiro piar da PAC ou as do segundo piar, destinadas tamén ao vacún de carne en extensivo, que se incrementaron neste 2023. Tamén fixo referencia ás achegas extraordinarias para paliar as consecuencias da invasión rusa de Ucraína.

Outras accións subliñadas por José González foron os préstamos de circulante a explotacións de bovino, os anticipos da PAC ou o protocolo de entendemento entre toda a cadea de valor da carne para frear a venda a perdas entre os produtores de Ternera Gallega. Así mesmo, tamén lembrou a campaña a nivel nacional de Ternera Gallega Suprema, as estratexias sectoriais para o leite e a carne e o apoio ás razas gandeiras autóctonas -con seis convenios en vigor-.

Neste mesmo sentido, o conselleiro valorou a aportación da Lei de recuperación da terra agraria con arredor de 10.000 hectáreas en mobilización en tan só dous anos de vixencia, as 27 parcelarias rematadas desde 2020, con arredor de 19.000 hectáreas, ou as 29 concentracións decretadas desde 2021. En total, unhas 35.000 hectáreas no que vai de lexislatura.
R.