Skip to main content

O Foro Económico de Galicia avoga pola intelixencia artificial para a xeración de riqueza e competitividade

Os estudos presentados, sinalan, “amosan que os efectos provocados pola IA son unha mellora na eficiencia dos procesos, a xeración de coñecemento, a transformación dos modelos de negocio e un incremento do rendemento operativo”. Ademais, consideran que “unha estratexia ambiciosa na implantación da IA podería xerar claras vantaxes competitivas entre as comunidades autónomas e, polo tanto, un incremento da riqueza”.

Dous estudos

Os informes foron presentados na sede do Consello Económico e Social en Santiago de Compostela. O estudo realizado máis recentemente foi o de María Bastida e Alberto Vaquero, docentes da USC e da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense respectivamente, sobre o Desenvolvemento da IA en Galicia. Nel fan unha diagnose do estado actual da IA no tecido empresarial galego, realizada tanto dende unha perspectiva cuantitativa coma cualitativa, incluíndo as opinións de membros do empresariado galego. “A principal conclusión deste informe é que a IA está nunha fase incipiente na comunidade galega, pero as empresas manifestan unha intención de adquirir tecnoloxías intelixentes superior á media nacional”, sinalan desde o Foro Económico de Galicia. Ademais, engaden sobre as conclusións deste informe “Galicia avanza na incorporación de formación en IA con iniciativas no marco do Sistema Galego de Universidades, fundamental para mellorar o grao de coñecemento e dominio das tecnoloxías. Isto permite intuír que a IA en Galicia pode converterse nunha vantaxe competitiva a curto prazo, aínda que para iso convén avanzar no afrontamento de eivas coma o tamaño medio empresarial ou a especialización produtiva, que poden supor barreiras para o completo desenvolvemento da IA na comunidade galega”.

O outro dos traballo presentados, titulado Unha estratexia en IA para a empresa galega, foi elaborado por Senén Barro (USC), Luis Otero (USC), Luis Pérez (Gradiant), Óscar González (ITG), Manuel Rodríguez (Deloitte) e Marcos R. Torres (USC) e realiza unha diagnose do estado e potencial da IA no tecido produtivo galego. Nel constatan que en sectores como a construción, a metalurxia e o inmobiliario (algúns deles tractores da economía galega) aínda "son dixitalmente menos avanzados e menos proclives a incorporar IA que outros sectores coma a industria, o turismo e o sector TIC. Entre os sectores galegos con sinais moi claros de aplicación da IA están o da industria, a sanidade, a agricultura ou a enerxía".

En canto ás recomendacións, subliñan desde o Foro Económico de Galicia, “ambos informes coinciden en que se debe apostar pola mellora nas infraestruturas, a aposta pola formación combinada no plano formal e informal e o reforzo das liñas de financiamento, incluíndo a posibilidade de creación dun fondo de investimento para as empresas deep tech, as empresas que desenvolvan estratéxicas específicas e que sirvan para que as pemes sexan organizacións áxiles e con capacidade para reaccionar rapidamente ante os cambios do mercado e posuír unha cultura de innovación”.
R.