O 100 % dos centros educativos contarán con Polos creativos o vindeiro curso

Os beneficiarios serán arredor de 1.000 novos centros, que se sumarán aos 225 polos xa implantados este ano (218 en colexios e outros 7 nos centros de formación e recursos nas catro provincias). A maiores, tamén disporán do material todas as aulas hospitalarias e haberá kits específicos para a atención domiciliaria.
Rueda avanzou que, en total, se despregarán máis de 80.000 unidades de equipamento especializado de audiovisual e fotografía, electrónica e robótica, fabricación e construción e téxtil e informática, con kits adaptados aos niveis educativos aos que van dirixidos. Haberá kits de electrónica básicos e avanzados para diferentes idades, robots de chan e programables, placas microbit, microcontroladores, sistemas domóticos, circuítos de papel, escaneado e impresión 3D, tabletas, xogos de construción de pezas encaixables e sistemas para a creación de audiovisuais, entre outros.
O presidente da Xunta precisou que o importe total destas máis de 80.000 unidades acada os 13 millóns de euros aos que se suman outros 6 millons específicos para accións de formación, apoio e acompañamento ao profesorado en materia STEM. Isto inclúe a posta á disposición dos centros de recursos software baseados en procesos de intelixencia artificial, como o procesamento de linguaxe natural, a visión artificial, a xeración de imaxes ou música ou o marchine learning.
Rueda salientou o feito de que esta iniciativa tamén se adaptará para os nenos e nenas que, por enfermidade, reciben a educación no hospital ou na casa.
Galicia, polo de innovación educativa
Os Polos creativos están deseñados como lugares de innovación educativa no que se traballan as competencias STEM, a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Teñen un deseño modular e innovador e contan con equipamento especializado e organizados didacticamente para fomentar a creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo.
As actividades que se desenvolven neles abordan aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual ou a robótica, entre outros.
O obxectivo desta novidosa acción, que comezou neste curso coa implantación de 225 Polos creativos e un investimento de 8 millóns de euros, e que agora se completa para todos os centros, é o de avanzar cara un modelo de infraestruturas educativas máis innovadoras que contribúan a consolidar Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ao proceso de ensino-aprendizaxe no sistema educativo público.
A acción enmárcase na folla de ruta da Estratexia galega de educación dixital e do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
R.