Skip to main content

Rueda avanza que a Xunta lanza a maior oferta de formación sanitaria da historia de Galicia para o exercicio 2023-2024

Nesta liña, Rueda resaltou a aposta da Xunta para, no marco das súas competencias, ampliar o número de sanitarios (médicos, enfermeiros, farmacéuticos...) que se forman no Sergas co obxectivo de “paliar o déficit actual nalgunhas especialidades” e garantir o relevo xeracional.

O presidente salientou que, un ano máis, Galicia oferta o 100 % das prazas acreditadas en especialidades como medicina familiar e comunitaria, pediatría, medicina interna, psiquiatría, psicoloxía clínica, e matronas. Deste xeito, a Xunta consolida o incremento de prazas para a formación de especialidades MIR relacionadas co ámbito da atención primaria, así como tamén mantén a súa aposta por convocar o 100 % das prazas acreditadas nas especialidades vencelladas á saúde mental.

A presente oferta de prazas para a convocatoria de probas selectivas de 2023, e para o acceso no ano 2024, vai dirixida ás titulacións universitarias de grao/licenciatura/diplomatura de medicina, farmacia, enfermería e ámbito da psicoloxía, química, bioloxía e física.

Cómpre destacar que na convocatoria 2023/24 tamén se ofertan o 100 % das prazas acreditadas nas especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía estética e reparadora, endocrinoloxía e nutrición, xeriatría, inmunoloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, oncoloxía radioterápica; radiodiagnóstico, radiofísica hospitalaria; enfermaría do traballo, enfermaría pediátrica e enfermaría xeriátrica.

Por outra banda, na devandita convocatoria, a Comunidade galega obtivo a acreditación de 13 novas prazas formativas, cuxos destinos serán os centros sanitarios das áreas de Vigo, Ferrol, Santiago-Barbanza, A Coruña-Cee e Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

Sobre este particular, a Xunta pon en valor o importante labor dos profesionais que colaboran coa docencia, pois o esforzo de xefes de estudo, titores e colaboradores docentes é imprescindible para que poida manterse unha alta calidade na formación das/dos especialistas.

Propostas para contar con máis prazas formativas

A Xunta continúa a facer un esforzo para incrementar a capacidade de formación de especialistas, uns profesionais precisos para prestar uns servizos sanitarios de calidade.

Así, o Servizo Galego de Saúde financiará o 100 % destas prazas con cargo aos seus orzamentos e, no presente ano, destinará unha partida de 69 millóns de euros, para o seu programa de formación de graduados e postgraduados.

Con todo, desde Galicia séguese a instar o Ministerio de Sanidade na adopción de novas medidas que contribúan a poder formar máis especialistas durante os vindeiros anos. “As 13 novas prazas formativas non son dabondo. Necesitamos máis sobre todo nas especialidades con máis déficit de profesionais”, indicou Rueda.

O presidente lembrou que a Xunta solicita ao Goberno central a mellora do sistema de selección para evitar que resulten prazas vacantes despois da resolución da convocatoria, eliminando as rixideces do sistema de elección electrónica das prazas e evitando que a nota de corte no exame impida que médicos que aspiran a algunha das prazas convocadas queden sen a posibilidade de elección mentres existan prazas sen cubrir.

Así mesmo, insta a realizar modificacións no procedemento e nos criterios de acreditación de prazas para a súa flexibilización, sobre todo nas especialidades deficitarias. Un compromiso do ministerio adquirido nun Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde do ano 2018 e que segue sen levarse a cabo, impedindo que se poida variar a oferta que se fai nestas especialidades.

Por último, tamén se lle demanda ao Goberno central que dote de operatividade o Rexistro Estatal de Profesionais, o que permitiría a planificación das convocatorias de xeito global para todo o Sistema Nacional de Saúde.
R.