Skip to main content

O CDG conmemorará en 2024 o seu 40º aniversario cun espectáculo que reunirá en escena 20 actores e actrices

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio do proceso de selección dos integrantes do elenco, en tanto que as bases do procedemento se poden consultar na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto a partir de mañá e ata o martes 27 de xuño.

Tamara Canosa será a directora desta montaxe que xogará coas premisas que rexen os chamados talent shows, un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. A competitividade, as expectativas da superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio son algunhas das coordenadas deste tipo sobre as que pivotará unha produción que, ademais, explorará novas vías para a creación escénica grazas ás residencias artísticas internacionais que se desenvolverán co proxecto europeo Phōnē, no que participan de xeito transversal distintos departamentos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e outras entidades teatrais galegas.

Esta iniciativa, que emprega o teatro como ferramenta para a posta en valor de linguas minoritarias, aglutina diversas estruturas escénicas a nivel comunitario vencelladas a linguas como o frisón, o alto e o baixo sorobio, o yiddish, o ladino, o gaélico, o bretón e o keven. Deste xeito, o novo espectáculo do Centro Dramático Galego explorará novas vías de desenvolvemento creativo e de intercambio cultural ao formar parte dun proxecto que implica entidades escénicas de Irlanda, Francia, Italia, Romanía, Alemaña, Noruega e os Países Baixos.

Para levar a cabo esta obra, a institución teatral dependente da Xunta confía a dirección do espectáculo na actriz e directora Tamara Canosa (A Coruña, 1983). A súa traxectoria abrangue tanto o traballo no audiovisual como na escena. Participou en series televisivas como Valderrei ou A vida por diante e en fitas como Heroína ou Pradolongo, pola que recibiu o Premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina. En teatro, como actriz participou en producións como A pensión, de Redrum Teatro, e exerceu a dirección en espectáculos como Liberto ou Amantis, ambas as dúas con Rebordelos (produtora propia que encabeza xunto a Xacio Baño), e Soños, de Culturactiva.

Reposición de Terceiro acto en xaneiro

O Centro Dramático Galego recuperará en xaneiro Terceiro acto, obra dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e estreada en abril 2021. A súa exhibición, realizada integramente no escenario do Salón Teatro, produciuse nunha época de restricións na actividade escénica por mor da crise sanitaria derivada da covid-19. A Xunta rescata a montaxe por ese motivo e tamén polo seu significado de homenaxe á historia do noso teatro, xa que o seu elenco reunía a Mabel Rivera, Belén Constenla, Fernando Morán, Roberto Leal e Eduardo R. Cunha Tatán como representantes da xeración que emprendeu a profesionalización do sector escénico en Galicia. Todos eles volverán encarnar o espectáculo en 2024.

Terceiro acto volverá en xaneiro así ao Salón Teatro e xirará por Galicia ao longo do segundo semestre do vindeiro 2024, ano no que se farán 40 anos da estrea do Woyzeck que, dirixida por Xúlio Lago, inaugurou a actividade do Centro Dramático Galego, e mais de Agasallo de sombras, montaxe escrita e dirixida por Roberto Vidal Bolaño que foi o primeiro texto orixinal galego levado á escena pola unidade de produción teatral da Xunta de Galicia.

Neste 40º aniversario, ademais de traer de novo a cartel Terceiro acto e de estrear a montaxe dirixida por Tamara Canosa, o Centro Dramático Galego continuará coa súa labor a prol da accesibilidade e da territorialización da súa actividade anual. Esta dinámica incluirá, entre outras iniciativas, a coprodución dun espectáculo de pequeno formato que percorrerá numerosos concellos de Galicia no vindeiro 2024, ano en que tamén cumprirán 25 anos desde a reapertura do Salón Teatro como sede do Centro Dramático Galego.
R.