Skip to main content

Portugal e Galicia apostan pola xeración de sinerxías a través da cooperación transfronteiriza en ámbitos como a economía

A Xunta aposta pola xeración de sinerxías con Portugal que permitan “seguir estando á vangarda da cooperación e mellorando a economía e a capacidade de atender a cidadanía”. Así o sinalou o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, no encontro co presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), Antonio Cunha, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Diego Calvo destacou como un dos obxectivos prioritarios do Goberno galego a busca de novas vías de colaboración co país luso para a consolidación da Eurorrexión como “referente de cooperación institucional, económica e cultural”. Así, animou o empresariado galego a “seguir construíndo pontes de cooperación e desenvolvemento conxunto para gañar competitividade, innovación e atractivo no territorio transfronteirizo, así como para un maior aproveitamento dos fondos europeos”.

O vicepresidente segundo da Xunta incidiu na sólida relación existente entre Galicia e Portugal e referiuse aos sectores da automoción, a enerxía, a biotecnoloxía, o agroalimentario ou o téxtil como retos compartidos no actual contexto de transición enerxética e dixital. “Son eidos para afianzar as relacións económicas e comerciais, e consolidar o potencial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e impulsar a súa competitividade”, apuntou.

Nesta liña, referiuse á necesidade de que a fachada atlántica dispoña dun “corredor de infraestruturas de transporte modernas, seguras e intermodais” como clave para consolidar esa competitividade, como son o corredor atlántico ou a saída sur da alta velocidade.

Cooperación transfronteiriza

No eido da cooperación, Diego Calvo salientou que a Eurrexión Galicia Norte de Portugal se consolidou como a área máis dinámica na captación de fondos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza Interreg España-Portugal (POCTEP) e avanzou que xa está a traballar nos proxectos das primeiras convocatorias do novo POCTEP 2021-2027 que se prevén poñer en marcha este ano.
R.