Skip to main content

A Xunta e os representantes do sector agrogandeiro galego constitúen un grupo de traballo para avaliar os efectos da seca nos custos de produción deste eido

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu esta mañá a reunión do grupo de traballo que analizará os efectos da seca e a súa repercusión nos custos de produción do sector primario. A posta en marcha deste grupo foi un compromiso adquirido co sector polo propio conselleiro do Medio Rural, José González.

Xunta e sector coinciden en sinalar que o Goberno central non tivo en conta nin ás comunidades autónomas nin ás organizacións agrarias -cando menos ás galegas con representación nacional- á hora de decidir as achegas directas pola seca, que deixarán aos gandeiros galegos tan só cun 25% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva, porcentaxe destinada ás comunidades que o executivo de Madrid establece como de afectación moderada.

Por isto, o conselleiro do Medio Rural remitiu unha carta ao ministro Luis Planas para demandar unha reunión co gallo de tratar a discriminación territorial de Galicia respecto da repartición das axudas directas. A misiva ía asinada tamén por Unións Agrarias, a Asociación Agraria de Galicia, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación Galega de Cooperativas e o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia.

O grupo de traballo constituído hoxe ten como obxectivo fundamental analizar sector por sector cales son os máis prexudicados non só pola seca senón tamén polos seus efectos, tendo en conta que a maioría dos insumos proceden de rexións con maior afectación pola falta de choivas e -en casos como o da palla, por exemplo- mesmo se triplicou o prezo.

Ademais, na reunión de hoxe púxose de manifesto que por parte da Xunta seguirase reclamando unha modificación da Lei da cadea alimentaria para determinar que mecanismos e organismos van ser os encargados de controlar, editar e publicar os custos de produción e que estes sexan realmente de referencia obrigatoria para os contratos entre os axentes de dita cadea.
R.