Skip to main content

A reciclaxe de envases lixeiros e de papel-cartón en Galicia creceu un 6 % en 2022, segundo datos de Ecoembes

Precisamente no marco dese convenio de colaboración, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o xerente de Ecoembes para a zona norte, Fernando Blázquez, mantiveron esta semana unha reunión de traballo para falar das campañas de sensibilización que teñen en marcha na Comunidade e analizar os resultados de reciclaxe do ano pasado.

Tendo en conta só os datos que dependen de Ecoembes, o ano pasado remitíronse a instalacións recicladoras para darlles unha nova vida 73.744 toneladas de envases lixeiros e de papel-cartón en toda Galicia, 4.451 toneladas máis que en 2021.

Estas cifras proceden maioritariamente dos residuos que se depositan nos contedores de cor amarela (destinados a recipientes de plástico, metal e briks) e nos azuis (papel-cartón) e en menor medida, daqueles que se recuperan nas plantas de tratamento da fracción resto.

Neste sentido, Ángeles Vázquez amosouse satisfeita polos resultados que lle trasladou o xerente da entidade e subliñou o esforzo que se está a facer para que a “conciencia ambiental” da cidadanía galega á hora de separar en orixe os seus residuos domésticos sexa cada vez maior, ao tempo que incidiu na importancia de seguir fomentando a cultura de reciclaxe para avanzar “cara á economía circular”.

Pola súa banda, Fernando Blázquez lembrou que este ano se cumpre o 25 aniversario da lei que impulsou a reciclaxe de envases en España, recalcando os “grandes avances” que se deron neste tempo e, en concreto, o caso de Galicia, onde o primeiro ano de recollida selectiva apenas se recuperaron 21.025 toneladas deste tipo de residuos.

Para facilitar a separación en orixe dos envases lixeiros e de papel-cartón, os galegos dispoñen de 38.744 contedores amarelos e de 15.599 azuis repartidos por toda Galicia, ademais de contar con 2.200 puntos de reciclaxe (papeleiras de cores) instalados en lugares de gran afluencia, como poden ser instalacións deportivas, aeroportos, oficinas, bares ou restaurantes.

En todo caso, esta rede de recollida segue reforzándose de forma continua e, en concreto, o ano pasado instaláronse case 1.500 novos contedores amarelos e azuis de forma que a día de hoxe Galicia conta con un destes dispositivos por cada 50 habitantes.

O Son do Camiño

Por último e co obxectivo de fomentar a cultura da reciclaxe e seguir mellorando a separación en orixe deste tipo de residuos, a Xunta e Ecoembes levan anos traballando xuntos na promoción de campañas e iniciativas para seguir mellorando a separación en orixe deste tipo de residuos e facilitar a recuperación de envases en eventos e acontecemento que congreguen unha grande afluencia de persoas.

De feito, Ecoembes colabora este ano cos organizadores do festival de música O Son do Camiño —que comeza mañá e remata o vindeiro sábado— na contenerización do recinto co fin de facilitar e garantir que o público asistente teña á súa disposición papeleiras e contedores amarelos e azuis para depositar os envases que consuman durante o evento.
R.