Skip to main content

Galicia avanza cara unha estratexia preditiva na saúde pública co uso de Intelixencia Artificial e Big Data

Neste senso, apuntou que no eido da Intelixencia Artificial estanse a incorporar técnicas de maching learning e deep learning co ánimo de optimizar os diagnósticos dos cribados de cancro de mamá e colon.

Do mesmo xeito, tamén avanzou que xa se iniciaron dous proxectos vencellados aos cribados dos cancro de pulmón e de próstata, nos que, por medio do emprego de algoritmos, se procurará estratificar o risco que posúen os pacientes, para poder priorizar a realización de cribados mediante a información que se desprende destes datos.

“O noso obxectivo coa dixitalización non é simplemente dispor dun rexistro ou un sistema de información, senón ir un paso máis alá”, destacando que a Xunta pretende avanzar dun modelo que ademais de contar o que xa ocorreu “tamén advirta que é o que vai acontecer”.

Pola súa banda, abundou Durán, a Consellería de Sanidade empregará o Big Data nunha nova liña de traballo que pretende “establecer patróns que axuden tanto á vixilancia epidemiolóxica, como á identificación de factores que predispoñan a padecer unha enfermidade”.

Ademais, a incorporación da tecnoloxía aos cribados posibilitou a implantación efectiva do cribado poboacional oportunista para a hepatite C, engadindo, de xeito automático, a solicitude da seroloxía deste virus nas analíticas de rutina feitas na poboación diana, o que facilita a súa petición. Así, nos primeiros cinco meses da posta en marcha deste cribado, fomos capaces de realizar 23.700 probas de hepatite C, obtendo un total de 27 positivos.

Plataforma Sanidade Mediaverso

A directora xeral de Saúde Pública explicou polo miúdo o conxunto programas e proxectos que artellou nos últimos tres anos o seu departamento, no eido da transformación dixital sanitaria.

Sobre este particular, remarcou que a finais deste ano estará rematada a Plataforma Sanidade Mediaverso. Un proxecto de contidos dixitais multitecnolóxicos que, inserido nos programas Obesidade Zero e Inspira Saúde, agrupará contidos relacionados cos estilos de vida saudable.

A plataforma incorporará planificacións para levar a cabo unha alimentación equilibrada ou xogos de realidade aumentada que promoveran o exercicio físico entre nenos e maiores. Entre estes últimos, destaca un aplicativo que permitirá trasladar os pasos diarios de cada usuario ás etapas do Camiño de Santiago -achegando información sobre os destinos que vaia acadando-; e tamén unha aplicación a través de lentes de realidade virtual, nas que as persoas maiores aprenderán a desenvolver un programa de actividade física multicompoñente, para a prevención da fraxilidade.

Así mesmo, Sanidade Metaverso completarase con contidos vencellados a hixiene do sono, o benestar emocional ou prevención de condutas adictivas entre a poboación moza.

Carmen Durán salientou que Galicia segue a avanzar dun xeito moi considerable na incorporación das tecnoloxías no eido sanitario. Así, puxo en valor a importancia que tiveron os cambios introducidos nas citacións de vacinación contra a covid-19. Un ámbito no que a sanidade pública galega pasou da citación pasiva a activa, e no que o emprego de Códigos QR facilitou o traballo do persoal de enfermería, así como as tarefas organizativas.

Do mesmo xeito, Saúde Pública valeuse das novas tecnoloxías para trocar o modelo de invitación aos cribados poboacionais dos cribados de cérvix e colon. Realizando na actualidade envíos dixitais a cadansúa poboación diana, e tendo previsto estender este modelo de invitación ao cribado do cancro de mamá, o vindeiro mes de setembro.

A Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica VIXIA (que agrupa a información relevante en canto a vixilancia dos servizos de microbioloxía clínica, medicina preventiva, centros socio-sanitarios e xefaturas territoriais); os sistemas de inspección de Saúde Pública, no que Galicia segue sendo pioneira, como o SEMAGA (sobre o control oficial en matadoiros), ou o HERME-MÓBIL (a ferramenta de inspección do sector alimentario e da sanidade ambiental), son outros dos avances que puxo de relevo Carmen Durán durante a súa comparecencia no Pazo do Hórreo.

Por último, destacou o desenvolvemento do Observatorio de Saúde Pública de Galicia, no que se realiza un investimento de máis de 700.000 euros, e que avala a aposta decidida de la Xunta de Galicia pola dixitalización, a comunicación coa cidadanía e a transparencia e que estará dispoñible a finais deste mesmo ano.

Así, o Observatorio é un instrumento que mediante información en Open Data, permite xerar, analizar, reunir, organizar e comunicar información relevante e de calidade no ámbito da saúde pública galega, co obxectivo de proporcionar información baseada na evidencia científica, e poñela ao dispor dos profesionais da saúde, investigadores, así como da sociedade en xeral.
R.