Skip to main content

A oferta de FP incrementarase en 22 das 25 familias profesionais e en todas as zonas de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago, onde informou da nova oferta de ciclos, másteres e programas de Formación Profesional para o vindeiro curso, unhas ensinanzas cunha alta inserción laboral, do 85% en réxime ordinario e de case o 100% na FP Dual, como recordou.

O titular do departamento educativo do Goberno galego, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destacou que as 42.174 prazas de novo ingreso que se van ofertar dan resposta ás necesidades de todos os territorios e sectores produtivos cun importante aumento da oferta na meirande parte das familias profesionais. “Na FP galega, en total, están presentes 25 familias profesionais e a oferta do vindeiro curso contempla un incremento no número de titulacións en 22 delas”, explicou antes de engadir que, ademais, en 15 familias as prazas medran máis dun 10%.

Neste senso, en función das diferentes reunións mantidas cos sectores profesionais ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia, prodúcense incrementos significativos nas prazas ofrecidas nas familias profesionais de Industrias extractivas (+221%), Enerxía e auga (+37%), Agraria (+22%), Marítimo-pesqueira (+19%), Informática e comunicacións (+19%), Imaxe e son (+18%), Edificación e obra civil (+17,5%) e Instalación e mantemento (+15%).

Oferta presencial maioritaria

As 42.174 prazas de novo ingreso, 4.500 delas de nova creación, supoñen un incremento do 12% respecto do curso que agora remata, con 1.482 grupos presenciais e 151 a distancia. Delas, 34.704 son presenciais e outras 7.470 son a distancia. En total, o catálogo está conformado por 182 titulacións diferentes entre ciclos, másteres de FP ou programas formativos para persoas con necesidades educativas especiais, o que lle confire á oferta unha gran versatilidade, variedade de acceso e potencialidade.

Os encontros sectoriais e territoriais do Plan Conecta FP Galicia e o contacto directo cos centros educativos foi a principal vía para elaborar a oferta, atendendo ás necesidades manifestadas tanto polos máis de 300 centros integrados e institutos participantes, como polas 10.000 empresas e 400 asociacións e clústeres que se implicaron no desenvolvemento destas reunións.

O titular de Educación do Executivo autonómico animou a todos os interesados a solicitar praza a partir do 23 de xuño, cando se iniciarán os trámites. Nese senso, poderán consultar toda a oferta por familias e zonas no Portal Educativo ou informarse e asesorarse nos propios centros sobre os itinerarios e posibilidades existentes.

Alta especialización

Segundo explicou Román Rodríguez, froito deste diálogo, implántase por primeira vez en Galicia nove titulacións. Por exemplo, en Santiago, o Instituto As Fontiñas vai ofertar o novo ciclo de Escavacións e sondaxes na modalidade dual. A maiores, tres ciclos adquiren unha nova dimensión ao enriquecerse o seu currículo con alta especialización en sectores de moita relevancia para a nosa economía como a Cociña agroecolóxica ou a Automoción, neste caso con especialización en vehículos de competición e industriais.

A este respecto o conselleiro salientou que a Xunta elaborou unha oferta centrada en cubrir todas as necesidades existentes nos territorios, con medidas dirixidas a aumentar o número de prazas no rural, que medra dun 10% ata as 6.842, a incrementar o número de sectores, co crecemento en case todas as familias, e a fomentar a integración e os programas formativos básicos para o alumnado con necesidades educativas especiais, que incrementan nun 17% as súas prazas para o vindeiro curso.

Román Rodríguez destacou tamén un forte incremento na oferta de másteres, as ensinanzas máis especializadas da FP que se realizan ao remate dos ciclos e supoñen un valor engadido na formación dos titulados, especialmente en áreas punteiras como as redes 5G, os vehículos híbridos, a ciberseguridade ou a robótica. As prazas medran nun 55%, ata as 1.082, que se impartirá en 52 grupos distintos por toda a xeografía galega.
R.