Skip to main content

O proxecto europeo liderado por Galicia e con tres países para fomentar a cultura inclusiva remata coa posta en marcha das primeiras ferramentas

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta tarde na xornada Accesibilidade en espazos culturais, que se celebrou na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura para presentar os resultados do proxecto Europeo Erasmus+ ALLURE. Nesta cita, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades estivo acompañado da xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería, Fátima García.

Durante a súa intervención, Anxo M. Lorenzo fixo un chamamento para seguir tecendo redes de colaboración e avanzar xuntos cara a unha cultura que sexa cada vez máis diversa. “As nosas institucións culturais veñen traballando desde hai tempo desde a cooperación con organismos, asociacións, persoas usuarias e centros de formación para reflexionar, enriquecernos e avanzar xuntos”, afirmou o director xeral de Cultura.

Froito desta colaboración con diferentes sectores, tal e como engadiu, a Xunta de Galicia avanza na futura Lei de Cultura Inclusiva e Accesible, unha normativa pioneira en España cuxo anteproxecto está actualmente na fase final de tramitación. “Os intereses e principios que guían este proxecto van na liña do noso traballo e estamos seguros de que nos permitirá establecer novos contactos e conseguir unha maior dimensión europea”, salientou.

O proxecto europeo Erasmus+ ALLURE, posto en marcha hai máis de dous anos co obxectivo de impulsar a accesibilidade cultural como medio de aprendizaxe de coñecementos e valores nas persoas adultas, conclúe tras un intenso traballo de avaliación dos recursos culturais. Así, entre os resultados recollidos no libro publicado coas conclusións da iniciativa inclúese a necesidade de seguir traballando para lograr unha inclusión real, tal e como explicou Fátima García.

Na publicación presentada hoxe tamén figura unha descrición da aplicación CIMA, explicada por Enrique Costa, profesor da EE Telecomunicación da Universidade de Vigo e investigador de AtlanTTIC no grupo GTI. Trátase do primeiro recurso impulsado ao abeiro deste proxecto que, coa colaboración da Universidade de Vigo, permite transformar información sobre eventos culturais para facela máis accesible a todos os colectivos creando folletos baseados en textos sinxelos e pictogramas.

Outra das ferramentas que forman parte do proxecto ALLURE é a metodoloxía de Design Thinking, na que afondou o catedrático da Universidade de Vigo Íñigo Cuiñas, que participa nesta iniciativa europea cunha experiencia do emprego desta metodoloxía en espazos culturais.

Países socios

O proxecto europeo Erasmus+ ALLURE conta como países socios con Islandia (Centro Textil de Blönduósi), Portugal (Asociación Empresarial de Portugal), Polonia (Talleres culturais de Lublin) e España (Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade).

Todos eles son coordinados pola Xunta de Galicia como socio líder e co obxectivo de elaborar diferentes ferramentas que ofrezan unha experiencia inclusiva nos recursos e eventos culturais de maneira sinxela, rápida e personalizada para garantir unha cultura inclusiva e accesible desde a educación non formal.
R.