Skip to main content

Galicia defende a rebaixa do IVE dos produtos do mar para reactivar o seu consumo e recoñecer o labor do sector pesqueiro

Alí o titular de Mar tamén lembrou que Galicia leva anos solicitando ao Goberno central a redución do IVE dos produtos do mar do 10 ao 4 % para igualar o tipo fiscal ao doutros países da UE.

A isto engadiu que a reticencia do Goberno central a atender esta demanda, reiterada tamén en varias ocasións polo sector, sitúa a España nunha posición de desvantaxe competitiva en relación con outros Estados membro. Neste caso puxo o exemplo de Portugal, que recentemente asinou un acordo cos sectores da produción e a distribución para eliminar o IVE dos peixes de maior consumo, un feito, subliñou, que debería sentar un precedente para o Executivo español.

En canto ao importante papel do sector e á vocación marítima de Galicia, Alfonso Villares salientou que Galicia desembarca máis do 11 % do produto fresco da UE e en acuicultura produce o 14 % do total dos 27.

Ademais destacou o alto impacto da actividade marítimo-pesqueira no conxunto da economía galega pois incide no 91 % das ramas empresariais tal e como reflicten as Táboas input-output da pesca-conserva galega 2019, que cifran nuns 9.000 millóns de euros o volume de produción e comercialización da cadea mar-industria. Tamén puxo de relevo os 2.700 millóns de euros en exportacións acadados no 2022.

Na súa primeira intervención como conselleiro do Mar, Alfonso Villares tamén recoñeceu o labor da súa predecesora, Rosa Quintana, a prol do sector marítimo-pesqueiro. Unha figura, sinalou, moi valorada en Galicia por todo o que deu ao sector e todo o que lle seguirá dando. Ademais agradeceu ao presidente da Xunta a oportunidade que lle brindou e que asume con gran responsabilidade.

En relación coa Asociación de Fabricantes e Distribuidores (Aecoc), o conselleiro puxo en valor o labor das máis de 32.000 empresas que a conforman e que permitiu progresar e medrar o seu carácter cooperativo entre todos os elos da cadea de valor.

O evento

Aecoc celebra o seu 23º congreso de produtos do mar co obxectivo de ser a cita de referencia das empresas socias da entidade, entre as que se atopan representantes das distintas actividades relacionadas co complexo mar-industria, desde o sector primario ata a industria, a distribución e os operadores intermedios. A finalidade é mellorar a competitividade do sector compartindo solucións e analizando os retos aos que se enfronta o mercado en cada momento.

Nesta edición do congreso abordaranse temáticas como a baixada do consumo de produtos do mar, a adaptación da oferta aos hábitos de consumo, o impacto da economía azul e o incremento da regulación das pesqueiras, entre outras cuestións. Para iso o encontro ofrece aos profesionais espazos de networking nos que intercambiar ideas, compartir inquedanzas e explorar posibles proxectos de colaboración.
R.