Skip to main content

A Xunta impulsa a tramitación da Lei do clima para darlle rango legal ao compromiso de conseguir unha Galicia neutra en emisións no horizonte do ano 2050

A través desta norma transformarase nunha obriga vinculante a consecución do reto da neutralidade climática en Galicia. Ademais desta meta principal e precisamente para axudar a lograla, a nova lei galega márcase como obxectivos introducir o clima e as accións necesarias de mitigación —para reducir as fontes de emisión ou potenciar os sumidoiros de GEI— e de adaptación —para mellorar a resiliencia de Galicia e os seus sectores máis relevantes ante o cambio climático— como un eixo prioritario e transversal en todas as políticas sectoriais da Xunta, e tamén o establecemento do deber de protexer, conservar e restaurar o clima por parte tanto das administracións públicas galegas como da sociedade en xeral.

Búscase así unha lei que garanta o respecto aos límites ecolóxicos e que teña entre os seus principios reitores o de non causar un prexuízo ambiental significativo.

Tal e como explicou o presidente, a futura Lei apoiarase en tres instrumentos de planificación para avanzar no cumprimento destas metas: a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e os seus plans de seguimento, aprobada en 2019 e na que se fixou por primeira vez o compromiso dunha Galicia climaticamente neutra; os chamados orzamentos de carbono, instrumentos quinquenais que fixan os límites totais de emisións GEI en Galicia como brúxula e folla de ruta que serva para orientar a acción política; e os plans de acción para o clima e a enerxía sustentable, fixados como obriga para concellos de máis de 20.000 habitantes.

Estruturada en 7 títulos e cun total de 54 artigos, a Lei do clima de Galicia recolle tanto os obxectivos cualitativos como as liñas estratéxicas que se desenvolverán na Comunidade nos vindeiros anos en materia de mitigación e de adaptación ao cambio climático.

Nesta liña, o anteproxecto prevé tanto instrumentos de planificación como unha serie de ferramentas ou iniciativas de diversa índole en que apoiarse para lograr os seus principais obxectivos. Entre as novidades cómpre subliñar a creación dun novo centro de coñecemento adscrito á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que concentre a actividade científica e tecnolóxica na materia.

Así mesmo, para avanzar na gobernanza e na dimensión social das políticas de clima constituirase unha comisión interdepartamental para coordinar a acción das distintas consellerías, crearase un consello asesor de expertos e un portal de acción climática, que servirá como ventá de divulgación e transparencia, e regularase por lei a Alianza polo clima para acadar o compromiso de todos os axentes que operan en Galicia co clima.

Por último e para contribuír tamén á planificación climática, recóllese a necesidade de que os procesos de contratación da Administración galega se rexan polos principios reitores da propia lei e sirvan así como exemplo dunha nova maneira de relacionar a actividade humana co ecosistema en que se leva a cabo, ao tempo que se avoga por un modelo produtivo e de consumo circular baseado no reaproveitamento dos recursos.

Pechar o círculo da sustentabilidade

Co impulso á Lei do clima de Galicia, a Xunta responde aos compromisos asumidos en materia climática no ámbito internacional —coa sinatura do memorando Under2 no marco do Cumio internacional sobre cambio climático de 2021 en Glasgow ou a máis recente adhesión á Misión de adaptación da UE— e dá cumprimento á vez á proposición non de lei aprobada por unanimidade polo Parlamento autonómico a finais de 2021 e na que se instaba á Xunta a aplicar políticas climáticas no ámbito galego ante este fenómeno global.

Ademais, tal e como explicou o titular do Goberno galego, esta norma permitirá seguir avanzando na senda das medidas iniciadas e aplicadas xa nos últimos anos para facer fronte aos efectos do cambio climático e que están a dar os seus froitos. Rueda lembrou que “Galicia é a segunda comunidade que máis reduciu as emisións de efecto invernadoiro desde 1990 (un 34%)” e que no 2021 tamén foi a comunidade “con maior capacidade de absorción de CO2”, xa que se incrementou en “case un 100%” con respecto ao mesmo ano de referencia.

Neste sentido, coa tramitación da Lei do clima, Galicia aspira a pechar o círculo normativo da sustentabilidade que iniciara no ano 2019 coa aprobación da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e da Estratexia de economía circular 2020-2030 e a entrada en vigor en 2021 da Lei de residuos e solos contaminados.

De igual xeito, a futura norma tamén se enmarca e virá complementar outras accións relevantes en materia de clima que está a desenvolver ou nas que participa a Xunta como, por exemplo, o Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía —iniciativa en que o Goberno autonómico actúa como coordinador—, a Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible ou a Alianza galega polo clima, que sitúan Galicia na vangarda das rexións europeas comprometidas coa acción climática e a sustentabilidade económica e ambiental.

Por último e en canto á tramitación, unha vez que o texto supere a fase de información pública e audiencia —que se abrirá nos vindeiros días polo prazo dun mes—, estudaranse todas as alegacións recibidas para valorar posibles melloras e incorporacións ao texto inicial e remitirase aos órganos de consulta procedentes, como o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. A previsión é poder remitir o proxecto de Lei ao Parlamento no último trimestre deste ano.