Skip to main content

A loita contra a avespa velutina reduce un 20% os beneficios que xera apicultura en Galicia por venda de mel

As pescudas realizadas polos profesores da EPS de Enxeñaría Ana Isabel García Arias e Iban Vázquez González, e a investigadora no mesmo centro universitario lugués Mariam Ferreira Golpe, que formaron parte do equipo multidisciplinar da USC integrado no proxecto Interreg Atlantic Positive (2019-2023), centráronse na análise do impacto económico e nos ecosistemas da avespa velutina. Así, tras realizar un total de 151 enquisas a persoas dedicadas á apicultura en Galicia, estimaron que os custos de control e prevención nos que incorreron ascenden a 2,5 millóns de euros (entre 1,8 e 3,3 millóns cun intervalo de confianza do 95%), con datos referidos a 2020.

Unha análise pormenorizada dos datos permite cifrar o custo medio sufragado polas preto de 5.000 persoas apicultoras en Galicia en 561 euros, unha cifra que varía por provincias, sendo Pontevedra a máis afectada debido ás súas condicións climatolóxicas, cun custo medio de 1.062 euros por persoa apicultora, e Lugo, a menos gravosa no período de referencia, cun gasto inferior a 400 euros. As cifras ascenden a preto de 500 euros no caso de Ourense a máis de 600, na provincia da Coruña, apuntan desde o grupo Ecoagrasoc da USC. Estas variacións, engaden, sitúan o custo medio da loita contra a ‘velutina’ na comunidade galega en 13,35 euros por colmea durante o exercicio 2020.

O estudo realizado ao abeiro do proxecto Atlantic Positive, financiado nun 75% con fondos FEDER e aprobado na segunda convocatoria do programa de Cooperación territorial Interreg, Atlantic Area 2014-2020 co obxectivo de frear 2023), a expansión desta especie invasora e minimizar o seu impacto nos ecosistemas e no desenvolvemento socioeconómico do Espazo Atlántico, revela tamén que o trampeo foi o método máis estendido fronte á avespa velutina. De feito, os gastos derivados da colocación destes dispositivos, a pesar das trampas gratuítas repartidas polas administracións, representan aproximadamente a metade dos custos asumidos polas persoas apicultoras. O custo da formación ascendeu a 64 euros por apicultor/a.

O persoal investigador da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC aproveitou asemade este proxecto para avaliar a incidencia da avespa velutina no sector vitivinícola a través dunha enquisa a técnicos das distintas Denominacións de Orixe (D.O.). As conclusións obtidas nesta liña de investigación apuntan que esta especie invasora tivo unha presenza máis temperá na D.O. Rías Baixas, para logo estenderse de xeito progresivo ao resto das zonas de produción. Os danos increméntanse con cada ano que pasa e a praga ten unha maior presenza, subliñan os investigadores, que tamén salientan a relevancia das picaduras na froita, en tanto que favorecen a aparición doutras enfermidades.

Proxección de resultados

Os resultadados dos traballos realizados desde o grupo Ecoagrasoc da USC ao abeiro do proxecto Atlantic Positive, liderado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galiza-Norte de Portugal (CEER) e no que tomaron parte dez institucións de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido, xunto con outros 20 organismos, presentaranse o 29 de agosto no congreso da Asociación Europea de Economistas Agrarios, que se celebrará en Rennes (Francia) e, unha semana despois, no Congreso Español de Economía Agroalimentaria, que terá lugar o 6 de setembro en Zaragoza.

Daquela, a EPS de Enxeñaría participará na cita de Rennes co póster ‘Economic costs and practices to control Vespa velutina nigrithorax in beekeeping: a survey in four regions in Europe’, mentres que este mesmo grupo de investitación presentará días despois en Zaragoza os traballos ‘O custo económico das especies invasoras: custos soportados polos apicultores galegos na súa loita fronte á avespa velutina’ e ‘Tipoloxía das explotacións apícolas na Europa Atlántica’.

Obxectivos de Atlantic Positive

O obxectivo principal do proxecto Atltantic Postive, que vén de rematar o pasado 30 de xuño, é o de contribuír á preservación dos servizos de polinización a través do desenvolvemento de enfoques integrados para o control da avespa velutina e a minimización do impacto desta especie invasora tanto nos ecosistemas como no desenvolvemento socioeconómico da Área Atlántica. A aplicación desta tarefa foi posible grazas á creación de áreas protexidas en espazos naturais rurais e periurbanos, e ao establecemento dunha rede de cooperación transnacional para o desenvolvemento de actividades conxuntas. Creáronse tamén estratexias de prevención e un Plan Estratéxico Atlántico para protexer a biodiversidade e os servizos ecosistémicos, ao tempo que se promoveron campañas de educación, formación e redes de colaboración aínda activas.
R.