Skip to main content

Publicada unha nova liña de apoio á conciliación e corresponsabilidade para compensar reducións de xornada laboral nas familias por coidado de menores

O Diario Oficial de Galicia publicou unha nova convocatoria anual das axudas coas que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade quere compensar a redución de xornada de traballo que asumen algunhas familias galegas para atender a fillas e fillos de ata 3 anos (ou 12 no caso de ter recoñecida discapacidade de polo menos o 33%). A Xunta de Galicia destina a estes apoios un orzamento de máis de 674.000 euros para que os fogares poidan mellorar a súa conciliación e impulsar medidas de corresponsabilidade entre mulleres e homes.

As achegas previstas irán dos 1.700 euros ata os 3.700 en función da porcentaxe de redución da xornada laboral (de polo menos o 12,5%), da súa duración (o máximo período subvencionable será de 8 meses) e do número de menores ao cargo.

Poden acceder ás axudas familias monoparentais nas que a persoa que exerce os coidados en solitario (muller ou home) se teña acollido á minoración da xornada. No caso das familias con fillos, integradas por dúas mulleres ou dous homes, poderán recibir os apoios un dos integrantes, de ter reducido a xornada. Tamén figuran entre as beneficiarias as unidades integradas por unha muller e un home, nas que este último reduza o seu horario, co obxectivo de que as traballadoras poidan seguir a desenvolver a súa carreira e incrementar o fomento da corresponsabilidade nos coidados dos menores.

Para obteren a subvención, a persoa que reduza a xornada debe ser traballadora por conta allea na empresa privada ou nas administracións públicas e/ou organismos dependentes delas, con independencia, neste último caso, de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

En todos os casos, a redución de xornada tense que ter activado entre o 1 de agosto de 2022 e o 31 de xullo de 2023 para o coidado de menores de tres anos e de ata 12 no caso de que teñan recoñecida discapacidade de, polo menos, o 33%. Poden resultar beneficiarias tamén as persoas traballadoras con menores en adopción ou acollemento familiar, sempre que non teñan transcorrido tres anos desde a súa oficialización.

Como requisitos previos, as persoas que desexen obter estes apoios, deberán estar empadroadas en calquera concello da comunidade, convivir co fillo ou fillos durante o período subvencionable, e non dispor de ingresos superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2022.

A Xunta de Galicia incorporou como novidade na convocatoria, a previsión de beneficiar persoas que teñan que reducir xornada de traballo por coidado de menores afectados por cancro ou por calquera enfermidade grave e que non reciban prestación económica algunha, regulada no sistema da Seguridade Social.

Á hora de valorar as solicitudes, a Administración autonómica dará puntuación extra tanto ás familias monoparentais como ás que conten con fillos con discapacidade, pola súa especial vulnerabilidade e maior dificultade ante a conciliación.

O prazo de solicitude permanecerá aberto desde mañá e ata o próximo 11 de agosto.

Desde o ano 2009, no marco destes apoios para a conciliación e corresponsabilidade nos fogares, a Xunta outorgou máis de 3.400 axudas que sumaron máis de 7 millóns de euros.
R.