Skip to main content

O Centro Galego de Arte Contemporánea festexa o seu 30 aniversario revisitando a súa historia cunha exposición no propio Centro e no Museo Gaiás

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou esta mañá a “importancia transformadora do CGAC nas súas tres décadas de vida, nas que reformulou todo concepto que tiñamos sobre as ideas de arte, de museo, de exhibición ou de retrospectiva”. Con motivo do 30 aniversario do centro, o titular de Cultura da Xunta de Galicia asistiu hoxe á apertura de Traballo en equipo. 30 anos do CGAC, unha dobre cita expositiva na que o propio Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura xuntan esforzos na organización de dúas mostras complementarias pero independentes que arrancan de xeito simultáneo en ambas sedes.

Traballo en equipo supón a oportunidade única de ver unha selecta escolma de pezas e artistas da Colección CGAC, exhibidas por vez primeira en conxunto, que permiten non só trazar a liña de vida dos 30 anos do centro, senón tamén afondar nos cambios sociais, artísticos e culturais das últimas décadas a través da arte contemporánea.

Na apertura da exposición, o conselleiro de Cultura destacou este 30 aniversario como “a celebración do potencial artístico de Galicia como referente na experimentación plástica e visual”, lembrou que o CGAC se concibiu como “centro pioneiro en Galicia e escaparate das novas tendencias creativas”.

Neste sentido, Román Rodríguez quixo pór de relevo que o CGAC leva tres décadas “apostando pola creación de vangarda, o deseño innovador e as propostas disrutivas, abrindo novos diálogos e fórmulas creativas e traballando nun proxecto con autonomía, cunha destacada produción propia de proxectos editoriais, audiovisuais e plásticos con selo propio”.

Dúas exposicións para conectar o CGAC e a Cidade da Cultura

Nesta dobre cita expositiva, a sede do Centro Galego de Arte Contemporánea presenta ata o 7 de xaneiro de 2024, baixo o título Unha historia posible do CGAC, un percorrido polas exposicións, actividades e publicacións promovidas polo centro desde a súa creación, con especial atención aos fitos e pezas singulares que marcaron a súa historia e, paralelamente, a evolución do contexto artístico en Galicia.

Mediante un itinerario expositivo artellado entre a planta baixa e o soto, amósanse pezas da colección CGAC e algunhas outras en préstamo que permitirán visualizar exposicións individuais e proxectos colectivos, con obras de nomes como Giovanni Anselmo, Esther Ferrer, Ángela de la Cruz, Hisae Ikenaga, Tracey Moffat, Valentín Vallhonrat, Dora García, Menchu Lamas ou Pamen Pereira, entre outros moitos.

Por outra banda, o Museo Centro Gaiás acolle ata o 15 de outubro deste ano a mostra Relatos contemporáneos desde a colección CGAC, na que se achega a algúns dos temas do mundo contemporáneo como a ecoloxía, o feminismo, o poscolonialismo ou a arquitectura. Faino a través dunha escolma de medio centenar de pezas da Colección CGAC, asinadas por artistas como Giuseppe Penone, Mona Hatoum, Tono Carbajo, Francisco Leiro, Berta Cáccamo, Mar Vicente, Marlon de Azambuja, Juan Gopar, Jorge Perianes, Patrick Hamilton, Ângela Ferreira, Suso Fandiño ou Mónica Alonso.

Un proxecto esencial para a arte e a cultura en Galicia

Traballo en equipo está comisariada por Santiago Olmo, director do CGAC, e Verónica Santos, coordinadora de exposicións do Museo Centro Gaiás. Ambos destacaron na apertura da mostra que se trata de dúas exposicións “parte dun mesmo proxecto, independentes e ao tempo complementarias, que poden visitarse sen que exista unha orde preestablecida ou de prioridade”. Ambas as dúas, incidiu o director do CGAC, “axudan a comprender e coñecer o centro e poñen o acento no esforzo colectivo de todas as persoas que, ao longo destas tres décadas, viñeron contribuíndo a construír e consolidar un proxecto esencial para a cultura e a arte en Galicia”.

Tamén o titular de Cultura da Xunta destacou “a extraordinaria colección e os magníficos fondos cos que conta o centro, que artellan ambas exposicións e que inclúen nomes de verdadeira relevancia no campo da creación local e internacional”. Neste sentido, rematou Román Rodríguez, “o CGAC foi sen dúbida tractor de talento para Galicia, poñendo en valor artistas tanto consagrados como emerxentes e tivo a ousadía de educar e ilustrar a toda unha xeración en novas prácticas artísticas, definidas pola súa espectacularidade, inconformismo ou sensorialidade, instalacións que quedaron nas nosas retinas ao longo dos seus 30 anos de vida, e que seguen a ser parte da nosa memoria colectiva”.
R.