Skip to main content

Os fogares galegos aforraron máis de 216 M€ en 2022 polas baixadas fiscais da Xunta en sucesións e transmisións patrimoniais

A directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), María Victoria González Vázquez, compareceu hoxe na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos para explicar a Memoria de actividade do seu organismo correspondente ao ano 2022.

Segundo o informe xeral de actividade correspondente ao ano 2022, a Atriga atendeu o ano pasado a un total de 264.899 contribuíntes. Deles, 1.277 recibiron atención tributaria a través da canle preferente para maiores de 65 anos, posta en marcha o pasado outubro.

Do total, 144.480 foron atendidas de maneira presencial nos 47 puntos de información que a Atriga ten distribuídos por toda Galicia; e a 120.419 prestóuselles asistencia pola vía telefónica.

No ano 2022, a Atriga continuou reforzando e avanzando na información e simplificando a asistencia á cidadanía coa finalidade de contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos a todos galegos e galegas.

Neste marco, desde mediados de febreiro do pasado ano habilitou a posibilidade de realizar nas súas delegacións o pagamento das autoliquidacións do Imposto de Sucesións e Doazóns, do Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e de vehículos usados por importe de ata 3.000 euros a través dun Terminal en Punto de Venda (TPV) físico.

Os cidadáns poden realizar este pagamento mediante tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria –e sen comisión de utilización para o contribuínte- no mesmo momento no que están a realizar a presentación dos impostos e coa mesma cita que soliciten para ser atendidos de xeito presencial en calquera das cinco delegacións da Atriga (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo). Desde mediados de febreiro realizáronse 7.158 operacións.

Ademais, a Axencia Tributaria de Galicia tamén ampliou os medios de pagamento das débedas tributarias permitindo realizar o seu pagamento a través de xiro postal, co obxectivo de facilitar o cumprimento das obrigas tributarias a aos cidadáns.

Trátase de ampliar as posibilidades de pagamento das que xa dispoñen os cidadáns e dar resposta a todos aqueles casos nos que o contribuínte non ten aberta unha conta en ningunha das entidades colaboradoras coa Atriga. O número de operacións por xiro postal en 2022 ascenderon a 682.

Actuacións tributarias

A Memoria de actividade presentada hoxe recolle tamén que as actuacións de prevención e control tributarias desenvolvidas pola Xunta permitiron aflorar 97,1 millóns de euros de débeda non declarada no ano 2022.

No último exercicio, a Atriga efectuou 531.691 comprobacións de autoliquidacións de impostos. Unha vez revisadas estas autoliquidacións, no caso de detectar que non é correcta, a Atriga practica unha liquidación para que o contribuínte tribute conforme á legalidade. O número de liquidacións practicadas a raíz dunha comprobación foi de 32.678. Foron correctas unha media dun 94% das autoliquidacións comprobadas.

A Atriga deu a súa conformidade ao 76% das 636.929 valoracións de bens realizadas o ano pasado, é dicir, prestou a súa conformidade a case 8 de cada 10 valoracións presentadas polos contribuíntes. Ademais, concedeu no ano 2022, 3.115 aprazamentos de impostos por importe de 18,7 millóns de euros.
R.