Skip to main content

A Xunta recibe unha nova listaxe da Sareb que reduce a 187 as vivendas que ten dispoñibles en toda Galicia

Así, das 187 vivendas incluídas na última listaxe recibida, só 20 están localizadas en municipios galegos cun número elevado de demandantes, concretamente, 2 no concello de Vigo e 18 no de Ferrol. Pola contra, na relación facilitada pola Sareb non se inclúe ningún inmoble localizado nas outras 5 cidades galegas.

Ademais, a meirande parte das vivendas das que dispón a entidade en Galicia, segundo a última comunicación remitida ao IGVS, atópanse na provincia da Coruña (un total de 155). Na de Lugo so inclúe 6 vivendas e na de Pontevedra, 26. A provincia de Ourense non está presente na devandita lista.

Sareb comunica que tamén dispón de 869 vivendas que ou ben están sen rematar, ou teñen algún tipo de problema que impide a súa comercialización. En todo caso, deste total, só 103 se localizan nunha cidade galega: concretamente, a meirande parte delas están no concello da Coruña (86), mentres que en Vigo non existe ningunha en construción ou pendente de comercializar.

Á vista destes novos datos, polo tanto, redúcese aínda máis o número de vivendas das que dispón a sociedade bancaria en Galicia, xa que cómpre lembrar que, inicialmente, o Goberno central anunciara que había arredor de 500 vivendas en condicións de uso, cifra que despois rebaixou a pouco máis de 300 e agora, a 187.

Por último, a Sareb tamén comunicou á Xunta as parcelas de solo que ten dispoñibles en Galicia, un total de 1.008 pero ningunha delas emprazada nas 7 grandes cidades, que son as que concentran o groso da demanda residencial na Comunidade.
R.