Skip to main content

Galicia intervirá activamente no recurso da frota contra o veto á pesca de fondo ao aprobar o Tribunal da Unión europea que actúe como parte coadxuvante

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe o porto de Burela e mantivo un encontro con representantes da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP-7) e doutras entidades do sector pesqueiro local para trasladarlles que a Xunta de Galicia acaba de ser recoñecida como parte coadxuvante no recurso presentado pola OPP burelense contra o veto á pesca de fondo decretado o ano pasado pola Comisión Europea en 87 zonas de augas comunitarias.

O titular de Mar explicou que o Tribunal Xeral da Unión Europea emitiu o pasado venres unha resolución na que admite a intervención do Executivo galego no procedemento ao recoñecer que esta prohibición impacta nos intereses da comunidade autónoma. Esta decisión do tribunal europeo supón un fito moi importante posto que poucas peticións deste tipo -presentadas polas rexións europeas- prosperan e implica que a Administración galega poida participar activamente no proceso, co que poderá responder aos argumentos da parte demandada e reforzar os presentados pola parte demandante, os socios da OPP-7.

O representante do Executivo galego subliñou que a Xunta deberá formalizar nas vindeiras semanas a súa intervención no procedemento para seguir avanzando no obxectivo final, tombar unha decisión totalmente arbitraria e desproporcionada cun importante impacto no conxunto do sector.

De feito, lembrou, esa prohibición de faenar en determinadas áreas para protexer posibles ecosistemas mariños vulnerables afecta ao arrastre e incluso ao palangre, malia ser esta última unha das artes máis selectivas que existen. Nesta situación, os barcos víronse obrigados a abandonar eses caladoiros -nos que levaban décadas traballando- e desprazarse a outros nos que xa están pescando outros buques, o que provoca un solapamento que pode derivar nunha sobreexplotación dos recursos e no empeoramento do estado biolóxico das distintas poboación.

A solicitude de intervención presentada polo Executivo galego ante o Tribunal Xeral da Unión Europea -a través do despacho de avogados J&A Garrigues- xa advertía do grave impacto que esa decisión inxustificada de Bruxelas pode supoñer a longo prazo para o conxunto da comunidade. Neste sentido, incidía en que os prexuízos podían ir desde a posible perda de frota ou empregos ata chegar a unha menor actividade nos peiraos autonómicos que prexudicaría o equilibrio orzamentario da comunidade.

Por iso, incidiu Alfonso Villares, a participación de Galicia no procedemento permitirá ao TXUE valorar, con información precisa e próxima aos territorios afectados, as repercusións económicas e sociais da prohibición establecida no regulamento impugnado, unha cuestión que a Comisión Europea non avaliou antes da súa aprobación.

Asesoramento

A Xunta avanza así na estratexia marcada polos distintos xuristas especializados consultados, que descartaban a opción de que a comunidade presentase un recurso en solitario, posto que tiña moi poucas posibilidades de prosperar, e que a fórmula máis oportuna era a de acompañar ao sector na súa demanda. O resultado, destacou o titular de Mar, é froito do traballo intenso dos técnicos da Consellería e do equipo contratado pola Xunta, que armou e fundamentou a solicitude da comunidade con argumentos sólidos.

Neste sentido, agora mesmo hai en marcha dous procedementos españois contra o veto á pesca de fondo no seo do Tribunal Xeral da Unión Europea, o da OPP de Burela coa Xunta como parte coadxuvante e o do Goberno central, que é un actor privilexiado por tratarse dun estado membro, polo que ten máis fácil xustificar os prexuízos ocasionados.

O conselleiro asegurou que Galicia vai seguir traballando na defensa dos intereses da frota galega como fixo desde o primeiro momento. Nesta liña, recordou que a Xunta prestou asistencia xurídica ao sector desde que se aprobou o regulamento de execución e aportou argumentos tanto á frota como ao Executivo do Estado para armar ben os seus recursos e axudar a que prosperen.
R.