Skip to main content

Os músicos Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez recibirán as Medallas de Ouro de Galicia deste ano

O titular do Goberno galego resaltou que Juan Pardo é “un dos emblemas da escena cultural galega e española da segunda metade do século XX”. Nado en Palma de Mallorca en 1942, aínda que criado en Ferrol, Pardo formou parte de varios dos grupos máis importantes da década dos anos 60 como Los Pekenikes, Los Brincos o Juan y Junior. Entre os seus éxitos, Rueda destacou a “inmortal Anduriña” ou o disco íntegramente en galego que publicou en 1976 baixo o título Galicia, miña nai de dous mares.

Outra das artistas que este ano será condecorada coa Medalla de Galicia é Luz Casal, nada en Boimorto en 1958 e autora de numerosos éxitos así como de temas para bandas sonoras de películas tan recoñecidas como Mar adentro, El bosque animado ou Tacones Lejanos. Ademais é a precursora do Festival de la luz que se celebra cada ano na súa vila natal e conta con outras distincións como a Medalla Castelao en 2010, un premio Goya a mellor canción orixinal, o Premio Nacional de Músicas Actuais en 2015 ou o recente nomeamento como Comendadora das Artes de Francia. “É unha das artistas máis destacadas a nivel galego, nacional e internacional desde a década de 1980”, indicou o presidente autonómico.

Por último, o Consello aprobou hoxe distinguir tamén coa Medalla de Ouro de Galicia ao gaiteiro Carlos Núñez, “un dos difusores da cultura celta e un dos embaixadores máis salientables da música galega no mundo”, resaltou Rueda. Nado en Vigo en 1971, a cultura celta está presente en todos os seus traballos musicais e mesmo no libro ‘La hermandad de los celtas’. Descuberto por The Chieftains nun concerto en Vigo, colaborou por primeira vez con eles en 1989 e desde entón compartiron escenario en múltiples ocasións. Conta con diferentes recoñecementos como a Medalla Castelao en 2010 ou un Premio Ondas e leva vendidos máis dun millón de discos en todo o mundo.

As Medallas de Ouro de Galicia son a máxima distinción que concede a comunidade autónoma. O pasado ano recibiron este recoñecemento persoas que destacaban pola súa contribución a difundir o Camiño de Santiago mentres que en 2020 e 2021 foi para os sanitarios que se encargaron de atender pacientes ou da vacinación durante a pandemia.

As distincións serán entregadas nunha gala que se celebrará o vindeiro 24 de xullo.
R.