Skip to main content

Robótica, unha disciplina transversal atractiva para empresas e con múltiples aplicacións no medio rural

Tamén trasladaron os seus parabéns ao profesor Javier Bueno pola súa contribución ao éxito dun título universitario singular en Galicia do que acaba de saír a súa primera promoción con “garantías de empregabilidade”, así como pola organización dun foro técnico que reúne máis de 60 participantes.

A representante da compañía francesa Naio Technologies en España, Sophie Graillot, abriu a quenda de intervencións deste nova edición das xornadas sobre AgroRobótica, un programa coordinado polos profesores Javier Bueno e Roberto Iglesias que pon o foco na no Grupo Internaco (unha empresa con sede no concello coruñés de Ordes creada en 1976 que conta con máis de tres décadas de experiencia no sector) e a través do que o público presente tivo a ocasión de coñecer de primeira man as visións de expertos sobre a robotización de traballos relacionados coa xardinaría e a agricultura, así como respecto das perspectivas de futuro que teñen sobre a súa implantación en España. Así, á primeira exposición de Graillot, seguiron outras a cargo de Sergio Grau, director de Vendas de AG Group; Carlos Rivera, responsable de vendas de produtos Husqvarna e batería en España e Portugal, e Josep Dalmases, responsable do departamento de Innovación de Ag Group.

Unha vez rematadas as sesións expositivas, o programa das xornadas, que contan con financiamento da Deputación Provincial de Lugo e en cuxa organización tamén colaboran a Confederación de Emrpesarios de Lugo (CEL) e a Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA), continuou con dúas sesións demostrativas nos campos de prácticas da EPS de Enxeñaría, onde se puido ver en funcionamento por vez primeira en Galicia dous dos robots fabricados pola empresa francesa Naio Technologies: o modelo TED, para traballos en plantacións de viñedo, e o modelo OZ, para traballos en explotacións hortícolas.

Naio e robots

A casa comercial francesa NAIO, unha empresa creada no ano 2011 que na actualidade conta con máis de 300 robots agrícolas traballando en explotacións reais, é unha das compañías que está a liderar a robotización agrícola a nivel mundial, indicou o profesor Javier Bueno, para logo explicar que o modelo OZ foi o primeiro dispositivo de robot agrícola fabricado pola empresa, comezando co seu desenvolvemento no ano 2014. OZ, engadiu o coordinador destas xornadas sobre Agro-Robótica, é un robot multi-tarefa destinado a explotacións hortícolas, nas que pode realizar traballos de plantación, sementeira, laboreo e control mecánico de malas herbas.

As prestacións que ofrece robot OZ, un dispositivo de tamaño pequeno que pesa arredor de 180 kg e que vai accionado electricamente cunha batería que proporciona unha autonomía de ata 8 horas, puidéronse ver na sesión demostrativa celebrada nunha plantación de leitugas na finca de prácticas de que dispón a EPS de Enxeñaría en San Fiz.

O outro modelo de robot agrícola da casa Naio que tamén se puido ver traballar nestas xornadas de Agro-Robótica é chamado TED. Trátase, segundo indicou Javier Bueno, dun robot especializado para operar en viñedos, para o que posúe un bastidor universal sobre o que se poden montar as distintas ferramentas de traballo. O robot realiza o control mecánico de malas herbas de forma efectiva e precisa sen herbicidas, respectando o solo e o cultivo. O robot ten accionamento eléctrico e pode traballar oito horas ao día de forma totalmente autónoma.
R.