Skip to main content

A porcentaxe de fogares galegos con internet volveu a crecer en 2022 ata alcanzar o 92,7%

Os datos corresponden ao estudo “Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2022” elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Os datos proceden da Enquisa Estrutural aos Fogares que realiza o IGE, que cede os datos a OSIMGA en virtude do acordo de colaboración asinado.
Equipamentos nos fogares

O ordenador segue a ser o equipamento por excelencia nos fogares galegos. No 2022, 733.665 fogares dispoñen de ordenador de sobremesa, portátil ou tablet, o 77,8% dos fogares con persoas de 16 a 74 anos. Máis especificamente, o ordenador portátil está presente no 60,1% dos fogares.

A presenza dos televisores intelixentes (Smart TV) nos fogares galegos creceu un 12,6% no último ano. O 49,2% dispoñen deste dispositivo, que, dende 2019, incrementou a súa presenza nun 62,9%.

Continúa o crecemento dos dispositivos electrónicos intelixente para o control da enerxía, da seguridade, domótica, electrodomésticos intelixentes ou altofalantes intelixentes. É dicir, o Internet das Cousas xa é unha realidade cotiá nos fogares galegos. Por exemplo, en 2022, o 12,9% dos fogares galegos dispoñen de altofalante intelixente con asistente dixital, o que supón un crecemento do 33% respecto ao ano anterior.

Conexión a internet

A contratación de Internet nos fogares galegos foi incrementándose ata chegar ao 92,7% no ano 2022. Así, 874.806 fogares galegos onde reside algunha persoa de 16 a 74 anos ten contratado Internet, un incremento de 47.554 fogares nos últimos catro anos.

O 75,9% dos fogares galegos con conexión a Internet dispoñen xa dunha velocidade de Internet superior aos 30 Mbps, cun crecemento do 8,9% no último ano.

Os fogares con velocidade de conexión a Internet superior a 100 Mbps experimentou un forte incremento, situándose no 45,4%, cun crecemento do 51,3% no período 2021-2022.

Usos dixitais da cidadanía

O 96,5% da poboación galega usan o teléfono móbil ben sexa persoal, proporcionado pola empresa na que traballa, ou ambas situacións. Obsérvase un uso universal nas persoas de 16 a 44 anos mentres que, entre as persoas maiores de 64 anos, o uso sitúase no 87,3%.

A porcentaxe de internautas, mantense nos niveis acadados no ano anterior (89,3%). En termos absolutos, 1.763.218 persoas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, o que supón un incremento de 68.052 internautas nos últimos catro anos.

As actividades máis comúns dos internautas galegos no 2022 son usar mensaxería instantánea (97,3%), buscar información sobre bens e servizos (87,5%), ler noticias, xornais ou revistas de actualidade en liña (85,7%), recibir ou enviar correos electrónicos (82,7%), usar banca electrónica (77,2%) ou telefonar por Internet / videoconferencias (72%).

Continúa o estreitamento das fendas dixitais da poboación

A idade continúa a ser unha variable relacionada co nivel de dixitalización. A menor idade, maior uso da rede, acadando niveis de uso do 99,7% entre os/as galegos/as máis novos/as.

A pesares disto, a fenda dixital redúcese ano a ano e cabe salientar un significativo incremento no nivel de dixitalización no tramo de idade de 65 a 74 anos: o 59,9% xa son usuarios de Internet, o que representa un incremento do 2% no último ano.

Compras por internet

No 2022, as compras por Internet dos galegos e galegas acadan o 60,7%, e son as persoas de 25 a 34 anos as que máis mercan pola rede: o 91,6% fíxoo nos últimos 3 meses.

As principais compras que se realizaron 2022 foron roupa (incluída roupa deportiva), zapatos ou accesorios (68,5%), entradas para espectáculos ou eventos (33,3%), mobles ou accesorios para o fogar e produtos de xardinería (24,9%) e reservas de aloxamentos (23,9%)

Administración electrónica

O 93,3% da poboación galega de 16 a 74 anos realizaron xestión coas administracións ou organismos públicos por motivos persoais no ano 2022, destes o 83,8% empregou internet para realizar esas xestións. Entre estes destacan as xestións sanitarias, cun 86,1%, xunto coa tramitación da declaración da renda (41,6%).

Ciberseguridade

O 53,3% das persoas de Galicia que usaron Internet nos últimos 12 meses padeceron algún incidente de seguridade na rede. O incidente máis frecuente é a recepción de spam (92,8%) seguido a moita distancia (26,2%) das estafas ou intentos de estafa.

O 36,8% dos galegos e galegas que navegaron por Internet nos últimos 12 meses non aplicaron ningunha acción para protexer o acceso á súa información persoal.

Os resultados detallados do informe “Galicia: A nosa vida en dixital” poden ser consultados en OSIMGA.GAL.
R.