Skip to main content

A Cidade da Cultura de Galicia custodiará e divulgará todo o legado de Arcadio López Casanova

A Cidade da Cultura custodiará e divulgará o legado de Arcadio López Casanova, homenaxeado na edición deste ano da Festa da Palabra na Insua dos Poetas do Carballiño. Así o anunciou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nesta celebración na que tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén.

No acto, os representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades coincidiron en que López Casanova foi “un home dunha auténtica cultura e enorme erudición literaria que fixo da súa obra unha enciclopedia atemporal de canto cultivou en poesía galega durante séculos”. Del salientaron o seu traballo tamén no teatro, literatura infantil e a docencia, que exerceu como profesor de literatura, así como o seu compromiso por “renovar a poesía galega” sumando unha perspectiva “máis social”. “A súa era unha literatura libre de todo xénero, onde podía caber de todo: collage, ilustración, caligrama”, engadiron.

Neste senso, o director xeral de Cultura explicou que se trata dun legado que merece ser recoñecido e cada vez máis divulgado, para o que a Xunta está a catalogar toda a súa obra para poñela a disposición do público. En concreto, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, custodiará o seu legado, preto de 4.000 libros da súa biblioteca persoal que foron doados pola súa viúva, María del Carmen Paramio, en marzo deste ano. “O noso obxectivo é traballar co material para crear unha colección coa obra completa e dar visibilidade ao gran traballo literario de Arcadio”, avanzou.

Mural no Carballiño

Durante a Festa da Palabra, o director xeral de Cultura celebrou tamén as homenaxes realizadas no Carballiño, que sitúan a López Casanova “nun merecido lugar de privilexio, ao carón de Rosalía, Curros Enríquez, Pondal, Eduardo Blanco-Amor, Carlos Casares e outros moitos” a través dun novo mural de Antón Pulido, que honrará e “axudará a vivificar o legado dun autor clave para entender a literatura galega das últimas décadas”.

Ademais, congratulouse un ano máis de que a Festa da Palabra se celebre na Insua dos Poetas, un lugar “extraordinario no que a literatura é quen de dialogar coas artes plásticas e a natureza”. Puxo de manifesto os 14 anos da iniciativa “que os acredita como unha cita cultural consolidada” coa que se rende homenaxe “á palabra e á lingua galega”. “É de xustiza recoñecer o traballo realizado desde este lugar, un espazo creado por iniciativa de Luis González Tosar que vén demostrando ser un activo dinamizador cultural cun gran traballo de proxección exterior das nosas letras”, engadiu.

Premiados

No transcurso do acto, entregáronse os premios Insua dos Poetas, que este ano recaen en Concha Blanco, na modalidade de literatura galega; no fotógrafo Xulio Xil, en creación artística; na Festa da Istoria, como iniciativa cultural e na Fundación Eira, na modalidade de defensa do medio natural. Tamén se recoñeceu o papel da cultura galega no exterior, cos emigrantes en Bos Aires Dora Pegito e José María Magoso. Como colectivo ou institución destacada do Carballiño, premiouse ó Club Deportivo Arenteiro e na modalidade de Acción social o recoñecemento foi para a Federación Down Galicia.

Desde 2009, a Festa da Palabra homenaxeou á figura de distintos persoeiros como Ramón Piñeiro, Arturo Baltar, Xosé María Díaz de Castro, Celso Emilio Ferreiro, os poetas do Rexurdimento, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Pura e Dora Vázquez ou Carlos Casares, entre outros. Á listaxe súmase agora Arcadio López-Casanova, escritor, poeta e profesor de literatura que en 2012 foi elixido membro de honra da Real Academia Galega.
R.