Skip to main content

A Alianza polo Clima suma novos apoios para seguir creando sinerxías na loita contra o quecemento global

A Alianza Galega polo Clima, promovida pola Xunta, sumou o apoio de Anfaco-Cecopesca co obxectivo de seguir creando sinerxías na loita contra o quecemento global, tal e como explicou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a sinatura do convenio de adhesión por parte desta organización do complexo mar-industria.

Logo de salientar que esta Alianza conta xa con 74 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubes deportivos, empresas e outras entidades-, Ángeles Vázquez incidiu na importancia do apoio de Anfaco-Cecopesca a unha iniciativa que segue reunindo esforzos que permitan situar a Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático.

Cómpre lembrar que esta Alianza supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima, e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

Nesa liña, a vicepresidenta segunda salientou a relevancia de que Anfaco-Cecopesca se adhira a esta iniciativa dada a súa relevancia como axente dinamizador do complexo mar-industria a través da defensa dos intereses de máis de 255 empresas, o que converte esta organización nun referente a nivel nacional e internacional dentro do seu sector.

Logo de salientar o traballo desta entidade a prol da promoción da calidade, a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación no campo da conservación dos produtos de pesca, a conselleira incidiu en que se trata dun clúster “socialmente responsable e sostible”, cuxa cooperación será fundamental no obxectivo de deixar unha Galicia mellor ás novas xeracións.

Fitos acadados e desenvolvemento lexislativo

De feito, a conselleira subliñou que Galicia xa acadou fitos decisivos para mellorar a súa capacidade de resiliencia ante o cambio climático. “Somos a segunda comunidade que máis reduciu as emisións de gases de efecto invernadoiro en 2021”, dixo Ángeles Vázquez, quen lembrou que tamén se conseguiu a redución dun 34% de emisións brutas de GEI respecto a 1990 -ano que se toma de referencia-, máis de 34 puntos porcentuais por enriba da media nacional.

Ademais, segundo salientou a conselleira, “1 de cada 5 toneladas de carbono que se absorben en España faise en Galicia” -9,7 millóns de toneladas en 2021-, o que a converte na primeira comunidade do Estado nesta materia.

E, a maiores, o Goberno galego está a traballar no desenvolvemento de proxectos lexislativos como a lei do clima ou a lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilicen os recursos naturais da Comunidade co obxectivo de garantir tanto a preservación dos nosos ecosistemas e da nosa biodiversidade como a fixación de poboación no rural.

ANFACO-CECOPESCA

Pola súa banda, ANFACO-CECOPESCA considerou que a adhesión á Alianza Galega polo Clima supón un paso lóxico e acertado para continuar impulsando a colaboración público-privada en beneficio da sociedade e do futuro do planeta.

De feito, o complexo mar-industria, representado por esta entidade, leva décadas comprometido co medio ambiente e a loita contra o cambio climático, establecendo metodoloxías e cálculos de pegada hídrica e de carbono, reducindo emisións con plans que inclúen enerxías renovables nos seus procesos e compensando o CO2 emitido con programas de absorción.
R.