Skip to main content

Galicia acolle este verán 46 campos de voluntariado que poñen en valor o seu patrimonio medioambiental, patrimonial, cultural e turístico

Dentro das múltiples propostas que ofrece esta Campaña de Verán, unha das máis interesantes e máis reclamadas pola xuventude son os campos de voluntariado, organizados polo goberno galego e polos concellos, tanto para rapaces galegos como para residentes noutras zonas de España e mesmo no estranxeiro: Un total de máis de 700 prazas para un público entre os 18 e os 30 anos, repartidos nun total de 46 campos, entre os que podemos destacar o das Illas Cíes (o máis antigo da nosa comunidade, que ofrece este ano cinco quendas).

Entre as novidades deste ano cabe destacar os novos campos en Santa Comba (A Coruña), Pantón (Lugo), Viana do Bolo (Ourense) e outro compartido entre os concellos de Vilar de Santos e Allariz (os dous en Ourense), ademais da recuperación dun campo de voluntariado específico para mozos galegos que residen no exterior en Castro de Rei (Lugo).

Pontevedra é a provincia que acolle un maior número de campos, un total de 14, seguida pola Coruña (13), Ourense (11) e Lugo (8).

Un dos obxectivos principais destes campos é que os participantes colaboren de forma desinteresada en traballos de mellora da contorna onde están localizados, mentres conviven nun ambiente encamiñado a favorecer a tolerancia e a solidariedade. Todo isto conséguese a través de actividades de todo tipo, entre as que podemos nomear a conservación do medio ambiente, a posta en valor do patrimonio histórico, a cultura, a etnografía, o audiovisual, a arqueoloxía, a dinamización turística ou o ámbito social.

Ata o momento, o balance destes campos de voluntariado é moi positivo, xa que os realizados durante o mes e xullo rexistraron unha elevada participación, de feito case todos eles cubriron as prazas establecidas.

Na web xuventude.xunta.es pódese consultar toda a programación que ofrece a Campaña de Verán, e tamén permite inscribirse en liña a calquera dos campos de voluntariado, ata 3 días antes do comezo de cada un deles.

Pero este proxecto aínda vai máis aló, e está complementado por outros campos de voluntariado noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro, de forma que os mozos e mozas da nosa comunidade poden desfrutar destas actividades en Castela-A Mancha, Castela León, Estremadura, A Rioxa e a Comunidade Valenciana ou Portugal, Francia, Alemaña, Islandia e Estonia.


ENTREVISTA: DANIEL ISAÍAS LÓPEZ TORRES, PARTICIPANTE NO CAMPO DE VOLUNTARIADO DE VIANA DO BOLO. “O MEU PROPÓSITO É FACER CADA ANO UN CAMPO DE VOLUNTARIADO E SE É EN GALICIA MELLOR”




Daniel ten 20 anos, naceu en Venezuela e actualmente vive en Madrid. Do 4 ao 15 de xullo estivo en Galicia participando na primeira edición do campo de voluntariado de Viana do Bolo (Ourense), unha das novidades da Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Un campo de temática teatral no que Daniel conviviu con outros mozos de Galicia, do resto de España e do estranxeiro.

Foi a túa primeira participación nun campo de voluntariado?

Si, esta foi a miña primeira vez. Intento aproveitar as miñas vacacións para vir, sempre que podo, a Galicia porque os meus avós eran de aquí. Informeime sobre os campos de voluntariado que hai en Galicia a través da páxina de xuventude da Comunidade de Madrid, comprobei que había un montón de posibilidades e anoteime para o de Viana do Bolo

En que consistiron as actividades no campo?

Fixemos varias representacións na praza do pobo contando as lendas e mitos de Viana do Bolo. Encargámonos de todo o proceso: de elaborar o guión, facer os traxes, do atrezo. O teatro foi a actividade principal, pero tamén fixemos excursións, rutas, visitas...

Como valoras a experiencia?

A verdade é que ía sen expectativas, pero ao final sorprendeume moi gratamente. O meu propósito agora é realizar cada ano algún campo de voluntariado e, se pode ser en Galicia, mellor. As actividades dos campos que se ofertan aquí creo que se axustan moi ben ao que queremos os mozos e ademais supoñen unha oportunidade moi boa para coñecer xente, novos lugares e desfrutar da natureza e dos espazos naturais que ten Galicia.
R.