Skip to main content

O Festaclown encherá de circo, humor e maxia as rúas de Vilagarcía de Arousa

O Festaclown regresa un ano máis a Vilagarcía de Arousa, desta volta cunha oitava edición que se celebrará do 10 ao 15 de agosto baixo o lema A festa da risa para encher as rúas da capital arousá de circo, humor, narración oral, maxia e acrobacias. A Xunta volve apoiar o encontro a través da liña anual de subvencións a festivas de artes escénicas e de música, que en 2023 destina 575.000 euros a 26 eventos de toda Galicia.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación do Festaclown xunto aos representantes municipais e da organización, a cargo de Culturactiva. O acto contou, ademais, cun número especial do Mago Teto, artista que estreará o seu espectáculo Rock&Magic o martes 15 para clausurar o festival.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a oferta artística deste oitavo Festaclown, encontro consolidado dentro do circuíto de festivais escénicos galegos como “o gran escaparate para as artes circenses”. Sutil aplaudiu a súa vontade de ir na procura do público e facelo, ademais, en coincidencia coas Festas de San Roque apostando pola cultura como factor dinamizador.

Dende Etiopía e Italia

O responsable de Industrias Culturais lembrou, ademais, que este encontro se suma á oferta global de máis de 2500 actividades que a Xunta está a impulsar este verán baixo o lema A cultura en Galicia é un CulturON. A través del, por exemplo, artistas internacionais como os brasileiros da compañía Circo de Ato ou o italiano Leo Bassi intégranse nesta ampla axenda estival.

O apartado exterior do Festaclown tamén inclúe a Kine Circus, compañía etíope que traballa en Adís Abeba coa cativada en risco de exclusión, e colectivos do panorama español como La Finistra Nou Circ, agrupación valenciana que representará Royal Circk.

A carteleira ofrece, así mesmo, unha variada selección de nomes referenciais do panorama galego nos eidos do clown, do novo circo, dos monicreques ou da narración oral. Nesta última disciplina, cómpre sinalar a participación de Ángeles Goás cunha escolma de contos de igualdade o martes 15, e Vero Rilo, quen chegará co seu espectáculo Destemidas o domingo 13.

Monicreques e música barroca

Tamén o domingo actuará na praza de Ravella Tanxarina Títeres, compañía pioneira no xénero dos monicreques en Galicia, co seu espectáculo Titiricircus. Pola súa banda, Píscore estará o luns 14 na praza de Galicia con Molto Barroco, peza na que mestura música barroca con teatro xestual, gags e humor.

Entre a representación galega, figuran tamén as compañías Troula, que se encargará da animación de rúa en diversos pases o venres 11; Pé de 2 co seu espectáculo Homem Banda; N+1, proxecto persoal de Alfredo Pérez Muíño que levará a Vilagarcía de Arousa a súa obra Circanelo; ou Su.Ma, dúo artístico conformado por Sue Moreno e María Move que representará o seu primeiro show, Glamping.
R.