Skip to main content

O Club de Ciencia impulsa as vocacións científico-tecnolóxicas entre os máis novos

A Xunta impulsa un ano máis as vocacións científico tecnolóxicas entre os máis novos a través do Club de Ciencia. Os centros interesados en incorporarse a esta iniciativa poderán formalizar a súa solicitude ata o 18 de setembro de 2023 a través da aplicación informática de Programas Educativos.

O programa comezou a desenvolverse no curso 2016/17 con dez centros, chegando aos 175 centros participantes no último ano académico. O orzamento total destinado para o vindeiro curso ascende a 200.000€.

O obxectivo do Club de Ciencia é proporcionar un escenario propicio para desenvolver estratexias metodolóxicas que promovan capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o interese dos participantes por mergullarse nos diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía. A creación destes contornos de aprendizaxe impulsan vocacións no ámbito da ciencia, as matemáticas, a enxeñaría e a tecnoloxía e encamiñan o alumnado cara a estas titulacións no eido universitario.

Esta actuación enmárcase na Estratexia Educación Dixital 2030 da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, como unha das medidas que propician o fomento e desenvolvemento de programas destinados á mellora das competencias dixitais e científico-tecnolóxicas do alumnado.
R.