Skip to main content

A Fundación Paideia Galiza impulsa os Premios Mans Futuro para recoñecer a excelencia do alumnado dos conservatorios superiores

A persoa que resulte galardoada co primeiro premio realizará unha gravación discográfica, mestura, edición e masterización dun repertorio de 45 minutos, xa sexa como solista ou cun máximo de dous acompañantes, en sistema de gravación a disco duro en HD 3 de Pro Tools. Ademais poderá gravar un vídeo en falso directo cunha duración máxima de tres minutos.

No caso dos recoñecidos coas dúas mencións de honra, os premios consisten na gravación dunha maqueta dun repertorio de 25 minutos e a gravación dun vídeo en falso directo cunha duración máxima de tres minutos. Todas as gravacións desenvolveranse nos Estudios Mans da Coruña no prazo de tres meses contados a partir da data de publicación da concesión dos premios.

Prazos e requisitos

Para participar os interesados deberán cumprimentar o formulario de inscrición e presentalo na secretaría do conservatorio no que cursase as ensinanzas entre o 1 e o 21 de setembro de 2023, ambos os dous días incluídos.

As persoas inscritas que cumpran os requisitos deberán realizar unha proba de instrumento, ou de canto, segundo corresponda, nos Estudios Mans no mes de novembro de 2023, que consistirá na execución dun programa de concerto, integrado por obras libremente elixidas. O repertorio deberá estar formado por tres pezas (obras ou fragmentos da obra) de diferentes estilos, dunha dificultade acorde co nivel destas ensinanzas e cunha duración máxima de 30 minutos entre as tres. A persoa aspirante unicamente se poderá presentar ao premio de xeito individual realizando a interpretación como solista, con acompañamento da agrupación que precise, se é o caso.
R.