Skip to main content

Unha nova ferramenta gratuita para o sector forestal, para facilitar a trazabilidade dos produtos da madeira con tecnoloxía Blockchain

Ademais das características técnicas ou o cálculo de valor na pegada de carbono, a etiqueta permite coñecer a orixe exacta da madeira (lugar e referencia catastral), e mesmo proporcionar enlaces web coa localización cartográfica. Tamén informa sobre especies, volumes, lotes, porcentaxe de uso de cada lote ou, no seu caso, sobre a existencia dunha certificación forestal. A etiqueta contén, así mesmo, unha relación de todas as operacións de procesado e política de proximidade (Km 0).

O obxectivo de FORTRA é actuar como unha ferramenta de mercado, de carácter comercial, que permita ao sector diferenciar o seu produto e mellorar o seu posicionamento nos mercados nacional e internacional. A plataforma, avalada pola Xunta, permite a presentación dos produtos da madeira de Galicia como produto de proximidade, cunha pegada de carbono negativa, libre de deforestación e baixo parámetros de xestión forestal sustentable e, no seu caso, certificado.

A plataforma FORTRA foi unha das boas prácticas seleccionadas polo proxecto europeo Wood Circus do programa Horizonte 2020 da UE que ten como obxectivo principal promover as cadeas de valor baseadas na madeira como parte clave dunha biocoenomía circular en Europa. Foi tamén un dos proxectos finalistas dos Blockchain Alastria Awards 2023.

O proxecto deriva do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 e iniciouse cunha primeira fase piloto no 2020. Na actualidade está en fase progresiva de implantación e conta con 12 empresas activas na plataforma –ás que desde a Xunta de Galicia se acompañou e apoiou para a incorporación á ferramenta– e a traza de 153 produtos. Recibiu cerca de 5.500 consultas de trazabilidade por parte de máis de 1.600 persoas usuarias. O cálculo de CO2 retido é de cerca dun millón de quilos. Pódese obter información de detalle no enderezo https://fortra.xunta.gal/
R.