Skip to main content

Galicia reivindica o seu papel como referente europeo e internacional na loita contra a pesca ilegal

O representante do Executivo galego lembrou que esta acción formativa vai pola terceira edición e que nos últimos anos contribuíu a capacitar a profesionais de Sudamérica e de África en materia de loita contra as actuacións ilícitas no sector pesqueiro. Por iso, aseverou que Galicia e o porto de Vigo son exemplos de boas prácticas e de compromiso coa explotación sustentable dos recursos.

Neste sentido, lamentou as informacións vertidas nos últimos tempos contra a comunidade galega e o peirao vigués cuestionando o seu labor de control da actividade pesqueira e salientou o traballo exemplar que realizan todos os profesionais do mar e dos portos galegos. Ademais, cualificou de totalmente inxusto que, de xeito arbitrario, se poña en dúbida a boa reputación que este sector gañou nas últimas décadas froito dun intenso traballo e esforzo para acabar coas prácticas irregulares.

Alfonso Villares incidiu tamén en que a Xunta de Galicia leva anos facendo un importante esforzo para mellorar os seus medios terrestres, marítimos e aéreos de loita contra a pesca ilegal así como colaborando co resto de corpos e forzas de seguridade do Estado, coa Axencia Europea de Control da Pesca e outros organismos internacionais. A pesca ilegal, engadiu, é un problema que afecta aos ámbitos fiscal, laboral, comercial, sanitario e medioambiental, polo que comprometeu o máximo esforzo do Executivo galego na loita contra ela.

O conselleiro do Mar sinalou ademais que as prácticas irregulares poñen en risco o futuro do sector e que a frota galega é consciente desa realidade, polo que leva décadas facendo unha pesca sostible, responsable e respectuosa cos recursos mariños. Boa mostra diso é que a maioría dos caladoiros nos que faenan os buques galegos se atopan en niveis de rendemento máximo sostible, o nivel de capturas que garante a continuidade da actividade a longo prazo.

O curso

A formación impartida nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo chega xa á súa terceira edición, desenvolverase entre hoxe e o 28 de setembro e está dirixida a inspectores de pesca de Perú, Ecuador e Colombia. Na primeira edición participaron profesionais de Ecuador, Costa Rica, Panamá e Perú e na segunda de Guinea Conakri, Madagascar e Mauritania.

Nas xornadas lectivas participan expertos dos servizos de inspección da Axencia Europea de Control da Pesca, da FAO, da Secretaría Xeral de Pesca do Goberno central e da Consellería do Mar, entre outros. Por iso, o titular de Mar aproveitou a ocasión para desexar ao alumnado unhas produtivas xornadas e agradeceu a súa contribución a que as boas prácticas que defende Galicia na loita contra a pesca ilegal se estendan a outros países do mundo.
R.