Skip to main content

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia duplica o número de cursos, seminarios e prazas na oferta formativa 2023/2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, presidiu este mediodía o acto de presentación da oferta formativa 2023/2024 do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), unha entidade “de prestixio” na aportación de talento de calidade ao sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) que -segundo Rivo- é “referente na creación de emprego de calidade coa conseguinte aportación de benestar aos galegos e galegas”. Para seguir nesa senda, puxo de relevo que se duplicarán os cursos (113 fronte aos 47 de 2022/2023) e as prazas ofertadas (2.268 fronte a 1.000), así como os seminarios (94 fronte a 41). Para materializalo, o orzamento case que se cuadriplicará, acadando os 2 millóns de euros.

Na súa intervención, a conselleira salientou o papel fundamental do CNTG á hora de formar non só persoas traballadoras, senón tamén desempregadas que buscan unha oportunidade nas TIC, “un sector cambiante, en constante evolución”, de relevancia internacional. Así, sinalou que “13.000 persoas do sector son usuarias do centro e que máis de 10.000 se teñen formado nel desde o 2009”, 619 delas -pertencentes a 200 empresas- o ano pasado.

Para o período 2023/2024, Elena Rivo fixo fincapé en que se aumentará a variedade de propostas para dar resposta á formación requirida nas tecnoloxías máis demandadas “da man das empresas do sector”, para adaptarse ás necesidades en eidos como a ciberseguridade, as solucións na nube, a ciencia de datos ou a intelixencia artificial. Engadiu que este labor está “avalado polos principais fabricantes tecnolóxicos”, que certifican as accións formativas, e altamente demandado polo sector, de aí o reforzo da proposta formativa para 2023/2024.

A maiores, cabe destacar outros programas formativos da Consellería, de interese arredor da capacitación dixital, como os convenios co clúster TIC Galicia, con arredor de 10.000 participantes entre 2022 e 2023 -a data de hoxe- e o contrato para a dixitalización de mulleres prioritariamente desempregadas e de municipios de menos de 30.000 habitantes, tamén con preto de 10.000 participantes a día de hoxe.
R.