Skip to main content

A arte múltiple 'conquista o espazo' de Pontevedra

A programación ábrese nesta xornada coa inauguración no Pazo da Cultura de Simbiose, mostra que reúne as creacións de 24 artistas de España e Portugal, así como de varios das e dos integrantes do grupo dx5.

Promovido co apoio do Concello de Pontevedra e o financiamento da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia, a través das axudas a grupos de referencia competitiva, Simbiose será inaugurada na tarde deste mércores, nun acto no que participan o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón. Previamente, a mostra foi presentada nunha visita guiada da man da directora do grupo dx5, Ana Soler, e varias das e dos artistas participantes, acompañados polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez. “A esencia da gráfica é unha matriz e unha copia e a partir de aí, chegamos á complexidade”, explicou Soler do punto de partida dun proxecto que presentou como o “cumio de 20 anos” de traballo do grupo dx5, explorando esa evolución da arte gráfica cara a “complexidade" e cara á idea de "campo expandido”.

Do rexistro da pegada á expansión polo espazo

Co obxectivo de que tivese tamén unha dimensión didáctica, como apuntou Soler, a exposición que poderá visitarse ata o 30 de xuño estruturase en catro bloques, que permiten afondar nos diferentes camiños abordados pola arte múltiple neste século XXI. En primeiro termo, a mostra pon o foco “no espazo da pegada” e no paso “do único ao dual”, con obras como a instalación con cinta sinalizadora de Victor Solanas, o mural no que Patricia Gómez e María Jesús González representan a galería dun cárcere e as propostas de Pablo Barreiro, Soliman López e Antía Iglesias. Un segundo bloque aborda a expansión “do espazo da gráfica”, que pasa do “dual ao múltiple” e nel preséntanse as imaxes de espazos arquitectónicos baleiros de Anne Heyvaert, as pezas de escaiola de Elena Jiménez, que recollen a pegada de diferentes mans durante unha conversa, ou as creacións de Juan M. Moro, Rita de Sousa, José Andrés Santiago e Almudena Fernández Fariña.

A continuación, a mostra detense na “conquista do espazo”, no paso “do múltiple ao complexo”, coas creacións de Ángel Massip, Esther Pizarro, Vanessa Gallardo, Carlos Fer e Mario Santamaría , completándose a exposición co bloque “conexións mutantes”, que afonda noutras propostas ligadas á repetición e transformación. Ese é o caso da obra na que Rubén Tortosa vai rexistrando sobre un papel o voo dun falcón, a creación téxtil de Sara Coleman e as pezas de Maider López, Inma Femenía, Javier Pividal e Ana Soler.

A mostra complétase cunha programación de obradoiros e visitas guiadas, con inscrición previa a través da plataforma Apúntate do Concello.

Un foro que se expande por Pontevedra

Alén desta mostra, o VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira comprende outras dúas exposicións, que se inaugurarán este xoves. Por unha banda, a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes estreará Xerminal, na que se presentan os proxectos de seis novos e novas artistas, seleccionados nunha convocatoria aberta a estudantes e egresados de toda España. Por outra, a Fundación RAC albergará Resonancias, conformada por unha selección de obras de Stephen Dean, Isidro Blasco, Ignasi Abali, Antoni Muntadas, Benjamin Torres, Jonathan Hernández ou John Baldessari, pertencentes á colección desta entidade.

Ao mesmo tempo, a Vicerreitoría do campus será sede, nas xornadas de xoves e venres, do ciclo de conferencias Sinerxías, dirixido a promover unha reflexión teórica respecto dos “desafíos que emerxen da intersección entre a tecnoloxía e o orixnal mútiple”, coa participación de diferentes artistas e investigadores.

Intervencións no espazo físico e no dixital

Esta programación pecharase na tarde do venres cunha visita guiada ás intervencións artísticas desenvolvidas ao abeiro deste proxecto, baixo o nome de Interferencias. Nela agrúpanse propostas como a intervención realizada por Susana Blasco nunha valla publicitaria, a realizada por Soler nas inmediacións do Pazo da Cultura, a desenvolvida por Lucía Romaní en sinais de tráfico ou os carteis de Ampparito que poderán atoparse nos coches. Mais tamén haberá intervencións no “espazo dixital”, como a deseñada por Sara Piñeiro para o perfil de Instagram do Concello, a que integrantes do grupo dx5 levarán a cabo nas pantallas informativas municipais ou a deseñada por Sabrina Fernández no Diario de Pontevedra.
R.