Skip to main content

A nova edición da (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico seguirá difundindo a vangarda audiovisual

A nova vangarda galega dentro da programación da vindeira (S8) estará representada na sección Sinais cos traballos de Iago Lourido, que propón unha obra enmarcada en San Sadurniño e na súa experiencia no festival Chanfaina Lab; Yasmina Farhani Luaces, graduada en Belas Artes en Pontevedra que trae a (S8) unha obra nacida do taller impartido por Berio Molina na última edición do festival Novos Cinemas de Pontevedra; ou o vigués Pablo Agma, recente gañador das bolsas ao desenvolvemento ese8_LAB, organizadas polo festival. Continuando coa presenza galega nesta edición, a obra da artista de Xinzo de Limia, residente en Barcelona, María Ruído protagonizará o programa monográfico en liña Ultreia et suseia, dedicado cada ano ás voces máis destacadas do cinema galego actual.

Na Filmoteca de Galicia

Entre as pantallas que proxectarán a programación do festival inclúese a da Sala José Sellier da Filmoteca de Galicia, onde, no marco da súa dinámica de colaboración con distintos festivais galegos, se van proxectar varias das fitas da retrospectiva de Narcisa Hirsch, os programas dedicados a Morgan Fisher, Annalisa Quagliata e Rhayne Vermette e a homenaxe ao cineasta norteamericano falecido hai un ano, Kenneth Anger, que terá lugar o día de apertura do evento.

Autor do famoso libro Hollywood Babylon, publicado en 1965 e en cuxas páxinas desfilaba o máis escabroso da industria do show business, a mostra quere renderlle homenaxe na apertura do día 31 de maio coa sesión O cine de Thelema, no marco da que se proxectarán na cinemateca da Xunta os seus filmes Lucifer Rising e Inauguration of the Pleasure Dome.

A potencia creativa das cineastas

O discurso fílmico das creadoras de vangarda imponse nunha programación que atravesa a obra de referentes como Narcisa Hirsch –coa primeira gran retrospectiva tras o seu falecemento hai poucas semanas e a quen se lle dedica este ano o festival– ou a estadounidense Margaret Honda. O programa tamén se detén no cinema underground de Annalisa D. Quagliata e na memoria da diáspora de Franci Durán, a chilena afincada no Canadá cuxo traballo, relacionado coa Film Farm, enraíza na experimentación con soportes fotoquímicos. Será unha das protagonistas do foco canadense da 15º (S8) xunto con Rhayne Vermette, cineasta Métis (un dos tres pobos aborixes recoñecidos en Canadá), premiada na Berlinale e no festival de Toronto coa súa primeira longa Ste. Anne.

O traballo das mulleres no audiovisual actual centra tamén o foco da nova sección Sinais Latinoamérica, na que se proxectarán exclusivamente obras de mozas creadoras. Ademais, o dinamismo e a mocidade da escena actual de cinema experimental canadense vén da man de the8fest, festival veterano dedicado a mostrar exclusivamente cinema feito en súper 8, hoxe dirixido pola cineasta exipcia-canadense Robin Riad, que traerá unha selección de pezas da historia do festival.

Por último, a sección Desbordamentos, dedicada ao cinema expandido, acolle este ano a dúas artistas que transitan ese camiño: Gaëlle Rouard e Lynn Loo. De Rouard, unha das fundadoras do mítico Atelier MTK en Grenoble, poderase ver entre outras, a súa película Darkness, Darkness, Burning Bright que se estreou no Festival de Rotterdam e gañou o Premio á Mellor Película Experimental do festival Curtas Vila do Conde, en Portugal. Pola súa banda, Lynn Loo, música e cineasta orixinaria de Singapur e radicada en Londres, explora o cinema expandido con filmes-performances nos que emprega varios proxectores de 16 mm funcionando á vez. Dentro desta sección tamén se poderán ver as obras resultantes de BAICC, a residencia do LIFT de Toronto, que este ano foi desfrutada por Agnès Hayden; e das Bolsas ese8_LAB, grazas ás que a artista peruana afincada en Madrid, Nicole Remy, viaxou ao Nanolab en Australia.
R.