Skip to main content

Galicia, na procura de oportunidades no eido da I+D+i a nivel europeo

A primeira hora da mañá, a representante da Xunta de Galicia mantivo un encontro con Jorge Molina Villanueva e con Giuseppina Luvara, da Dirección Xeral de I+D+i da Comisión Europea. Neste marco, Carmen Cotelo interesouse pola nova iniciativa da Comisión para impulsar a biotecnoloxía e a biofabricación, polo seu potencial para impulsar sectores como o farmacéutico, o sanitario, o alimentario ou o industrial e a súa contribución a unha Unión Europea máis competitiva e resiliente. Así mesmo, a directora de GAIN expuxo as prioridades de Galicia neste ámbito incluídas na Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 21-25, que ten como obxectivo avanzar no posicionamento de Galicia como Comunidade referente en biotecnoloxía.

A continuación, reuniuse con José Labastida, xefe da unidade de Apoio ao Consello Científico do Consello Europeo de Investigación (ERC). Na xuntanza, abordaron posibles medidas para dinamizar a participación do persoal investigador excelente nesta e noutras convocatorias europeas e para atraer candidatos, finalistas e gañadores das axudas do ERC, ademais das que xa se están a poñer en marcha a través do programa Oportunius, que desde a súa posta en marcha apoiou a 31 investigadores principais.

Por último, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP mantivo tamén un encontro con Ana Ramos, directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, coa que colabora en políticas e programas europeos de I+D+i.
R.