Skip to main content

Os peixes e mariscos galegos conquistan novos mercados

Así, diversas firmas do mar da nosa comunidade asisten, de xeito independente ou da man da Consellería do Mar, a feiras de países como Estados Unidos (a Seafood Expo North América de Boston), Xapón (Foodex Japan), Emiratos Árabes Unidos (Dubai) ou Alemaña (Seafood International Bremen), e a outras de ámbito nacional como Salimat Abanca de Silleda, o Salón Gourmets de Madrid, a Seafood Expo Global de Barcelona, Expomar Burela ou o Fórum Gastronómica da Coruña.

Segundo a Consellería do Mar, a participación nestes eventos favorece un incremento dos ingresos e un avance na internacionalización do sector, o que ten como consecuencia a xeración de emprego e riqueza na contorna. Por outra banda, estas accións promoven o consumo de produtos saudables, o que repercute na calidade de vida dos consumidores polas súas achegas nutritivas e o seu baixo aporte calórico.

O impacto da participación nesta feiras reflíctese no feito de que no ano 2023 as exportacións galegas de produtos do mar achegáronse aos 2.800 millóns de euros, un récord acadado a pesar dos conflitos en Ucraína e Gaza e o encarecemento da enerxía e das materias primas, ademais da escalada inflacionista. Ademais, supoñen un punto de encontro con clientes e mercades potenciais, que poden coñecer de primeira man as novas tendencias do sector.

Máis fondos

Os bos resultados obtidos, tanto cualitativos como cuantitativos, fan que as empresas galegas do complexo mar-industria amosen cada vez máis interese neste tipo de certames, e reclamen tamén a participación da Xunta de Galicia, que nunha década pasou de participar nunha decena de feiras a superar a quincena.

Este ano a Consellería do Mar achegou unha inversión de 4,6 millóns de euros, cun incremento do 30% respecto ao 2023, para a participación en feiras internacionais, e asinou convenios con entidades como Anfaco-Cecopesca, Clusaga, Conxemar ou a Fundación Nova Pescanova para fortalecer as accións de promoción do consumo.

O goberno galego apoia así ás empresas da nosa comunidade, garantindo a súa presenza nas principais feiras do sector, o que supón a mellor garantía de continuidade e futuro para a súa actividade.

GALICIA SABE AMAR

Galicia participa nestas feiras no marco da campaña GALICIA SABE AMAR, posta en marcha en 2021 co obxectivo de poñer en valor os produtos do mar e o traballo dos pescadores galegos para poñer a disposición dos consumidores múltiples alimentos da máxima calidade. Este proxecto supuxo a continuación do posto en marcha en 2020, ‘Compra produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco’, que pretendía agradecer o esforzo realizado pola frota nos tempos do COVID, nos que o sector pesqueiro foi declarado esencial, e seguiu traballando malia que en moitas ocasións non lle era rendible.

A estas campañas engádense outras específicas de produto nas que se poñen en valor recursos como a pescada, o bonito do norte, a centola, o polbo, os mariscos ou o mexillón, ademais dos produtos elaborados, como as conservas ou conxelados. Deste xeito, a nosa comunidade pretende que os profesionais do mar melloren os seus ingresos e que a súa actividade sexa sostible no futuro e atractiva para as novas xeracións, que vexan nela unha boa opción profesional.

Unha opción saudable

A promoción dos alimentos que baseados nos produtos do mar é un dos mellores investimentos que se poden facer como sociedade, porque contribúen a mellorar tanto a saúde e o aforro en gasto sanitario como a sustentabilidade e a economía, especialmente a local. Consumir peixes e mariscos frescos ou produtos transformados ou acuícolas promove sen dúbida uns hábitos de vida máis saudables, pero tamén impulsa o traballo de todo un sector produtivo da nosa comunidade.

As máis de 60 lonxas galegas ofrecen unha gran variedade de peixes, mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos, que as autoridades sanitarias recomendan consumir, como mínimo, tres ou catro veces á semana. Fonte de Omega-3, vitaminas D e B, ferro, potasio, iodo, calcio…, os peixes e mariscos son alimentos con importantes valores nutricionais e cunha pegada de carbono das máis baixas entre os produtos que hai dispoñibles no mercado.
R.