Skip to main content

Galicia presenta ao Goberno central a ferramenta EMI co fin de estendela a outras autonomías e casar oferta e demanda laboral con intelixencia artificial

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse hoxe en Madrid co secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, para dar conta da aposta da Xunta por xerar emprego de calidade, apoiándose nas novas tecnoloxías co fin de atender as necesidades de empresas e de traballadores para casar a oferta e a demanda. Dentro dela está a ferramenta software EMi, que está dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia, que é pioneira en España e en Europa e que o conselleiro presentou ao secretario de Estado co obxectivo de propoñer a súa posible aplicación noutras comunidades autónomas.

José González, que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, reflexionou sobre as oportunidades abertas a través da intelixencia artificial para potenciar as oficinas de emprego públicas, tal e como está a realizar Galicia. Trátase de trasladar estas boas prácticas ao resto de comunidades autónomas dentro da vontade de colaboración entre administracións, subliñou. De feito, engadiu, distintas comunidades autónomas visitarán Galicia para afondar no funcionamento de EMi.

Nesta mesma liña, o titular de Emprego, Comercio e Emigración fixo fincapé na necesidade de que o Executivo estatal escoite e teña en conta aos gobernos autonómicos no deseño, por exemplo, dos criterios de distribución dos fondos destinados ás políticas activas de emprego -que son executados polas CCAA, e que polo tanto deben adecuarse ás necesidades de cada territorio-, tal e como Galicia solicitou nas últimas conferencias sectoriais nas que participou.

Trátase dunha cuestión chave, insistiu, tendo en conta que é fundamental axustar as políticas activas de emprego á realidade do mercado laboral, un reto común que hai que afrontar e no que Galicia está traballando para adiantarse e ofrecer a empresas e traballadores solucións axeitadas ás súas realidades, tamén a través da flexibilización da formación, cunha decidida aposta polas microformacións e microcredenciais.

O conselleiro tamén sinalou que esa escoita activa ás comunidades autónomas é vital en cuestións complexas como a reforma da duración da xornada laboral, asunto que debe abordarse desde o Diálogo Social e non dende imposicións. Neste ámbito, destacou o labor de Galicia por avanzar dun xeito coordinado coa patronal e cos sindicatos, avaliando os posibles impactos desta medida na produtividade do tecido económico galego.

Esta cooperación, remarcou, é fundamental para abordar retos como seguir mellorando a saúde laboral dos traballadores, abordar as elevadas taxas de absentismo ou, volvendo á necesidade de casar oferta e demanda no mercado laboral, impulsar ferramentas como o programa Retorna Cualifica Emprego, a través do que se afinará a selección en orixe da man das empresas galegas para garantir aos traballadores un posto laboral e as súas condicións básicas de vida cubertas en Galicia.

Vantaxes de EMi

En relación coa ferramenta EMi o conselleiro detallou que ten como fin cubrir a demanda de man de obra, así como atender as persoas que están buscando activamente traballo -ou busquen mellorar o seu emprego actual. Nesta liña sinalou que permitirá realizar nun ano o perfilado competencial de 70.000 persoas.

Entre as vantaxes que ofrece, salientou que relaciona todas as características e competencias da persoa demandante con datos avanzados do mercado laboral e detecta sectores emerxentes de emprego e empresas que están contratando en cada unha das ocupacións. Tamén detecta carencias competenciais en cada localidade, o que facilita a programación de accións formativas adaptadas ás necesidades de cada unha. A maiores, engadiu que esta ferramenta pode prever o comportamento laboral de cada comarca e de cada ocupación referida aos seus próximos meses, o que permite adiantarse ás necesidades das empresas.
R.