Skip to main content

Ánxela Bugallo e Santiago Domínguez presentan o seu programa as federacións deportivas galegas


A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o director xeral para O Deporte, Santiago Domínguez Olveira, explicaron hoxe aos representantes das federacións deportivas galegas as liñas xerais do seu proxecto de actuación para a presente lexislatura.



Desta forma, Domínguez Olveira insistiu na necesidade de que exista unha total transparencia tanto no reparto das subvencións como nas contas internas das federacións, e por iso, “imos pedir unha auditoría de contas de todas as federacións, porque non podemos permitir que o diñeiro público sirva para manter unhas estruturas administrativas e que non teña repercusións nos deportistas”. O máximo responsable do deporte galego quixo deixar ben claro que “poremos ao voso alcance todos os medios para que vos axuden, pero seremos tremendamente exixentes”. Tampouco quere que a xente pense que “estas liñas de traballo están encamiñadas a amolar, queremos que sirvan para que se vexa que no deporte as cousas se fan ben e os beneficiados son os propios deportistas”.



O director xeral para o Deporte volveu amosar o seu apoio ao deporte de base, a súa loita pola igualdade de oportunidades tanto no caso do deporte feminino, dos diminuídos físicos e psíquicos e para todos os nenos/as aínda que vivan en pobos pequenos, así como a súa intención de premiar a aqueles colectivos que traballen mellor: “Volvo dicir iso que me estades oíndo estes últimos días: acabouse o café para todos”.



A conselleira finalizou o acto invitando a todas as federacións a seguir traballando a prol do deporte e póndose a disposición dos dirixentes deportivos. Tralo acto tivo lugar un viño ao que foron convidados os representantes das 58 federacións deportivas galegas.



R.