Skip to main content

Presentada la Antoloxía Bilingüe Galego-Rusa de Poemas de Rosalía de Castro

Presentada en Padrón la Antoloxía Bilingüe Galego-Rusa de Poemas de Rosalía de Castro: una obra de gran importancia en la internacionalización de la escritura de la padronesa, según destacó el presidente de la Xunta de Galicia durante el acto de presentación de la publicación de la que se considera el valor literario gallego más firmemente establecido fuera de nuestras fronteras lingüísticas.

El primer libro de Rosalía de Castro íntegramente en ruso incluye una selección de 40 poemas de dos de sus obras más reconocidas: Cantares gallegos y Follas Novas.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presidiu, na Casa da Matanza, en Padrón, o acto de presentación da Antoloxía Bilingüe Galego-Ruso de Poemas de Rosalía de Castro. O titular do Goberno galego remarcou que a chegada ao ruso dos poemas da escritora padronesa constitúe “un paso máis, de gran relevancia, na internacionalización da obra rosaliana”. Durante a presentación estiveron tamén presentes a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, a presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, a directora do Centro de Estudos Galegos na Universidade de San Petersburgo, Elena Zernova, e o director do Centro de Estudos Rosalianos, o profesor Xesús Alonso Montero.

Emilio Pérez Touriño lembrou que o alcance de Rosalía de Castro e a súa literatura “non se limita só a Galicia”, senón que está espallada por todo o mundo dado que a escritora padronesa é, a xuízo do mandatario galego, “a nosa escritora máis internacional e o valor literario galego máis firmemente establecido fóra das nosas fronteiras lingüísticas”.

E agora, sinalou o presidente da Xunta, “grazas a este acto de amizade e hospitalidade que é sempre toda tradución, tamén Rosalía de Castro pasa a ser patrimonio dos lectores rusos” e a estar “verquida a unha das linguas máis importantes do mundo [o ruso], non só polo seu gran número de falantes –sinalou-, senón tamén pola extraordinaria e singularísima tradición literaria á que deu orixe”.

O máximo mandatario autonómico quixo agradecer o labor de todos cantos participaron nesta obra e a todos aqueles que teñen contribuído a espallar a literatura rosaliana por todo o mundo. Así, lembrou o labor de Helena Villar Janeiro, presidenta da Fundación e ademais tradutora e editora literaria de Rosalía de Castro; a de Xesús Alonso Montero, “a quen se deben algúns dos proxectos máis notables realizados ata o día de hoxe a prol do espallamento polo mundo da figura e da obra da nosa escritora”; e á profesora Elena Zernova, encargada da tradución da antoloxía presentada.

Concretamente, Emilio Pérez Touriño agradeceu a dedicación de Elena Zernova polo seu achegamento á literatura galega. De feito, tal e como lembrou o presidente da Xunta, Zernova é a directora dunha colección que está a facer posible a aparición, en lingua rusa, de destacadas mostras da literatura galega. “Trátase –segundo manifestou Touriño-, dun proxecto verdadeiramente admirable, fermoso e que provoca en nós sentimentos de gratitude e de emoción”. Por iso fixo extensible o seu agradecemento a todo o equipo de alumnos e profesores da Universidade de San Petersburgo que están a traballar nesta iniciativa.

O titular do Goberno galego tamén quixo aproveitar a súa intervención para salientar que a Presidencia da Xunta e, en particular, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, van ofrecer todo o apoio necesario para continuar con esta tarefa de espallamento da obra rosaliana.

“Quero aproveitar esta nova presenza miña na Casa da Matanza, na Casa de Rosalía, para testemuñarlles aos responsables da Fundación Rosalía de Castro, aquí magnificamente representados por Xesús Alonso Montero e por Helena Villar, o compromiso claro e inequívoco da Xunta de Galicia con esta Casa e coa Fundación que nela se radica”, concluíu.

A Antoloxía Bilingüe Galego-Ruso de Poemas de Rosalía de Castro comprende un total de 40 poemas da escritora padronesa de Cantares Gallegos e Follas Novas. Trátase do primeiro libro íntegro de Rosalía en ruso.

R.