Skip to main content

El Centro de Investigaciones Marinas (Cima) recibe la Vieira de Oro de la Cofradía de Pescadores de Cambados

El Centro de Investigaciones Marinas (Cima) de Galicia recibe la Vieira de Oro que otorga la Cofradía de Pescadores de Cambados que valoró de forma especial los estudios que este organismo realiza sobre las poblaciones y la desintoxicación de la vieira. Alejandro Guerra Díaz, director del Cima, recogió la insignia en nombra de los investigadores.

Nota de Prensa remitida por la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

A Confraría de Pescadores de Cambados impuxo a Vieira de Ouro ao Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, como recoñecemento á súa labor de investigación en pro da mellora dos recursos pesqueiros da localidade pontevedresa. O director do Centro, Alejandro Guerra Díaz, recibiu o galardón no Pazo Torrado de Cambados, en nome dos investigadores. De forma destacada, o pósito premiou os traballos realizados durante o ano 2005 sobre as poboacións de vieira e as técnicas encamiñadas a facilitar a súa desintoxicación. Ensaios que permitiron analizar os bancos naturais do molusco nas rías de Ares, Arousa e Vigo e avaliar a posibilidade de recoller semente deste pectínido das poboacións afectadas polas biotoxinas para logo reubicalas en zonas de menor incidencia de mareas vermellas.

A Confraría tamén valorou as investigacións do Centro sobre os parásitos que afectan ás ameixas e aos berberechos nos bancos naturais e os estudos de prevención para rebaixar a mortandade e as perdas de produción. No caso do berberecho, o molusco comercial máis abundante en Galicia, pero que conta con poucas análises sobre as súas patoloxías, o CIMA propúxose analizar estas alteracións co obxectivo de establecer variables que expliquen a tendencia das enfermidades e establecer modelos de predición.

Outras liñas de estudo, como as encamiñadas á recuperación das zonas de libre marisqueo dos Lombos do Ulla e do Bohído, onde traballan directamente mariscadores do pósito cambadés, tamén foron recoñecidos polos pescadores.

O Centro de Investigacións Mariñas da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos levou a cabo 18 importantes proxectos de investigación mariña durante o 2005, como se recolleu na presentación da súa memoria anual. Ademais dos estudos alabados pola Confraría de Cambados, no ámbito da acuicultura destacaron os traballos realizados polo Centro sobre a repoboación do rodaballo na Costa da Morte ou o preengorde da semente da ameixa; os ensaios efectuados sobre a depuración de toxinas en mexillón e navalla ou sobre protocolos de actuación ante a contaminación mariña. En total, ao longo do 2005, destináronse máis de 845.000 euros a proxectos de investigación de carácter rexional, nacional e europeo.

Do mesmo xeito, o CIMA desenvolveu, o pasado ano, un total de 51 informes científico-técnicos para a Administración e o sector, principalmente para as confrarías de pescadores e asociacións de produtores que se dedican á explotación dos recursos pesqueiros.

Para levar a cabo algúns dos seus proxectos o CIMA colabora habitualmente con diversos organismos e entidades de Galicia como o Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo, o Consello Regulador do Mexillón, o Intecmar, o Cetmar ou as tres Universidades galegas. Asimesmo, é frecuente a súa colaboración con centros doutras comunidades autónomas como Cataluña, Canarias, Asturias, Andalucía ou Murcia, e mesmo doutros países como Irlanda, Francia, Portugal, Noruega ou Chile.
R.