Skip to main content

El trabajo no remunerado de las amas de casa gallegas supone el 37% del PIB, según un estudio del IGE

El trabajo no remunerado de las amas de casa gallegas supone el 37% del PIB, según la estimación del valor añadido bruto cifrada en 15.150 millones de euros. Así lo refleja la primera encuesta del Instituto Gallego de Estadística (IGE) que pone un valor económico al trabajo no remunerado que se desarrolla en los hogares y que, mayoritariamente, ejercen las mujeres.

Nota remitida por el Gabinete de Comunicación de la Vicepresidencia de la Xunta de Galicia:

A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, resaltou a importancia que ten no camiño da corresponsabilidade o recoñecemento do valor do traballo doméstico para contribuír ao cambio de roles. Adán fixo estas declaracións durante a presentación, xunto co director xeral do Instituto Galego de Estatística (IGE) José Colino Sueiras, da Conta Satélite de Produción Doméstica (CSPD), un estudio estatístico que se elabora por primeira vez en Galiza e que pon valor económico ao traballo non remunerado que se desenvolve dentro dos fogares.

Segundo os datos dados a coñecer polo IGE con referencia ao ano 2003, a valoración económica dos servizos domésticos e persoais non remunerados e destinados a autoconsumo nesta Conta Satélite de Produción Doméstica permite obter a estimación dun valor engadido bruto (VEB) xerado por estes servizos de 15.150 millóns de euros, o que supón o 37% do produto interior bruto (PIB). Neste indicador do CSPD inclúense as actividades domésticas que cumpren a regra da terceira parte, é dicir, que poderían delegarse nunha persoa allea ao fogar, e que se dedican, por tanto, aos seguintes fins: proporcionar aloxamento, proporcionar comida, proporcionar roupa, proporcionar coidados e educación, así coma o traballo voluntario. Segundo o informe, a valoración desta produción doméstica é de 22.250 millóns de euros, o que supón o 60% da produción total do sector fogares. Con estas cifras, amósase que o peso deste sector na economía pode compararse ao do sector industrial, o da construción e o agrario.

A responsable da Igualdade da Vicepresidencia apostou por introducir na economía a produción non remunerada como o traballo doméstico para rachar cos estereotipos sociais e desmentir a idea de que os homes traballan máis que as mulleres ou de que estas son menos produtivas. Segundo os datos da actividade da poboación maior de dez anos que se reflicten nesta conta, as mulleres dedican un total de 6,7 horas diarias ao traballo fronte aos homes que destinan 5,1 horas. A percepción social, por tanto, está distorsionada polo feito de que das 6,7 horas de traballo das mulleres só 1,9 son remuneradas e 4,8 sen remuneración, fronte ás 3,3 horas pagadas e 1,8 de traballo doméstico das ocupacións masculinas.

Así, o 74% destas actividades domésticas non remuneradas son realizadas por mulleres, unha porcentaxe que xera un VEB de máis de 11.000 millóns de euros e supón o 27% do PIB, mentres que corresponden aos homes os 4.000 millóns restantes, cun peso do 10% no PIB.

Os datos da CSPD revelan un reparto moi desigual na distribución das tarefas domésticas. A función de proporcionar roupa (lavar, tender, prancha...) amósase como a menos igualitaria, sendo as mulleres as que se encargan destas tarefas no 87% dos casos, fronte ao 13% dos homes; seguida da de proporcionar comida, da que se fan cargo nun 80% as mulleres. As mulleres son as que se ocupan tamén maioritariamente de funcións encamiñadas a proporcionar aloxamento, cun 69% fronte ao 31% dos homes e, en canto á responsabilidade de proporcionar coidados e educación, esta é asumida polas mulleres nun 65% dos casos, fronte ao 35% de homes. Finalmente, entre os parámetros analizados amósase como o máis igualitario o traballo voluntario, cun 46% masculino fronte ao 54% feminino.

As actitudes sobre o reparto das funcións foron xa analizadas na enquisa Usos dos tempos e corresponsabilidade: prácticas, actitudes e valoracións, publicada o pasado mes de agosto pola Secretaria Xeral da Igualdade. Nesta enquisa, a opinión maioritaria da poboación galega estaba a favor do reparto de tarefas no eido do fogar, superando a aposta pola corresponsabilidade o 84%. Sen embargo, neste mesmo estudo a distribución das opinións minoritarias revelaba a asimetría de xénero no reparto de tarefas e daba conta da persistencia na atribución tradicional de espazos e roles,

Os datos desta enquisa constataban tamén a desigualdade no reparto dos usos do tempo dos galegos e galegas que teñen emprego remunerado. As mulleres dedican máis tempo cós homes ás tarefas no fogar, en concreto 1 hora e 25 minutos máis, así como máis tempo para o coidado dos nenos e nenas -54 minutos máis- e 39 minutos máis para o coidado de familiares dependentes. Por contra, os homes dedican máis tempo no curso do día ás actividades de ocio e ao traballo remunerado fóra da casa -1 hora e 14 minutos máis ao día-.

Este reparto desigual no uso dos tempos aínda se incrementa no caso das familias que teñen fillos menores de 12 anos. As mulleres galegas dedican unha media de 5 horas e 18 minutos ao día ao coidado dos fillos e fillas menores de 12 anos, o que supón 2 horas e 27 minutos máis cós homes. En canto a atención a familiares dependentes no caso destas familias, a porcentaxe tamén é maior, xa que as mulleres traballan 2 horas e 45 minutos máis cós homes ao coidado destas persoas, é dicir, unha media de 6 horas e 3 minutos diarios.

Na enquisa realizada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia recóllese que todas as persoas entrevistadas que se dedican a tarefas do fogar de xeito non remunerado son mulleres, que nun 60% dos casos desexarían ter un traballo remunerado fóra do fogar. A súa decisión de quedar na casa vén motivada, en seis de cada dez casos polo coidado dos fillos, unha de cada dez polo coidado de dependentes e outro 10% das mulleres atribúen o motivo para non ter un traballo remunerado ao desexo da propia parella de que se queden na casa.

Carme Adán destacou a importancia de contar co estudo presentado hoxe polo IGE, así coma da enquisa publicada polo seu departamento, para a elaboración do Plan de Corresponsabilidade no que está traballar a Secretaría Xeral da Igualdade e que proximamente se someterá a debate no Parlamento de Galiza. O obxectivo é promover dentro da sociedade galega as responsabilidades compartidas no eido doméstico.

Estudo do IGE: O valor engadido bruto xerado pola produción doméstica dos fogares galegos representa o 37% do PIB

No ano 2003 os fogares galegos dedicaron unha media de 3,4 horas diarias a realizar servizos domésticos e persoais non remunerados e destinados a autoconsumo. A valoración económica destes servizos, realizada na conta satélite de produción doméstica (CSPD), permite obter a estimación do valor engadido bruto (VEB) xerado por estes servizos que é de 15.150 millóns de euros, o que supón o 37% do produto interior bruto (PIB).

O peso da produción doméstica sobre o PIB en Galicia é similar aos ratios estimados noutros territorios económicos. Estas comparacións deben tomarse con precaución ao non existir unha metodoloxía de uso xeral pero si unha proposta metodolóxica de Eurostat que se segue nas estimacións do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Nos fogares realízanse actividades que producen servizos domésticos e persoais e que teñen como finalidade a satisfacción das necesidades básicas dos membros do fogar (proporcionar un lugar para durmir, comida, roupa, coidados etc.). Os fogares deben proporcionar estes servizos producíndoos eles mesmos ou adquiríndoos no mercado, de xeito que, no primeiro caso non se remunera este traballo e por regra xeral non se inclúe no PIB.

Das actividades non remuneradas que realizan os fogares, inclúense no satélite doméstico aquelas que cumpren a regra da terceira parte, que indica que deben considerarse produtivas as actividades que se poden delegar nunha persoa allea ao fogar.

Quedan fóra da CSPD aquelas actividades consideradas como non produtivas, como durmir, ocio, deporte etc., que non poden delegarse nunha terceira persoa.
A valoración desta produción doméstica é de 22.250 millóns de euros, o que supón o 60% da produción total do sector fogares.

O 74% das actividades domésticas non remuneradas son realizadas polas mulleres
O tempo que os galegos dedican ás actividades domésticas é moi distinto por sexo, cunha media diaria de 4,8 horas as mulleres e de 1,8 horas os homes. Un dos condicionantes do peso da produción doméstica nunha economía e do seu repartimento por sexos, é a menor taxa de ocupación das mulleres, que supón que en moitos fogares, as mulleres non realizan traballo remunerado e empregan unha parte importante do seu tempo nos servizos que require o fogar. En Galicia, no ano 2003, o tempo que en media se dedica a traballo remunerado é de 1,9 horas diarias as mulleres fronte a 3,3 horas os homes, tal como se recolle na Enquisa de emprego do tempo do IGE e INE.

Da valoración económica destas actividades, obtense a seguinte distribución do VEB xerado pola produción doméstica por sexo para as cinco funcións consideradas na CSPD.

As mulleres realizan o 74% das actividades da produción doméstica, o que xera un VEB de máis de 11 mil millóns de euros e supón o 27% do PIB, mentres que corresponde aos homes os 4 mil millóns de euros restantes cun peso do 10% do PIB.

Das cinco funcións consideradas na conta satélite da produción doméstica de Galicia, o traballo voluntario é o que presenta un repartimento máis igualitario entre homes e mulleres, cun 46% e 54% respectivamente. Nesta función inclúese tanto a axuda informal a outros fogares coma a actividade de voluntariado canalizada a través de organizacións.

Máis dun terzo das actividades de coidados e educación son realizadas polos homes, sendo a segunda función cunha porcentaxe máis equilibrada.

Pola contra, os homes dos fogares galegos só realizan o 13% das actividades destinadas a proporcionar roupa (lavar, pasar o ferro e coidar a roupa en xeral).

O 38% do VEB xerado pola produción doméstica corresponde á función proporcionar comida

Non só existen diferencias no tempo que homes e mulleres dedican ao traballo doméstico, tamén son distintas as funcións nas que ambos sexos concentran o tempo dedicado a realizar estes servizos.

A función proporcionar comida inclúe a planificación da comida, adquisición dos ingredientes, preparala, servila, limpar os pratos etc., e supón o 38% da produción doméstica total e é a principal función para as mulleres, cun peso do 41% e a segunda en importancia para os homes, cun 30%.

A seguinte función, por orde de importancia, é proporcionar aloxamento, que supón non só a decoración ou mantemento da vivenda, alugada ou comprada, senón tamén a limpeza, reparación, equipamento desta etc. e é a principal función para os homes, cun 33%.

As funcións de proporcionar roupa e coidados absorben conxuntamente máis dun cuarto do tempo dedicado a actividades domésticas, pero cunha distribución entre as dúas moi distinta para cada sexo. Así, os homes dedican a proporcionar coidados máis do triplo do tempo que a proporcionar roupa, mentres que, para as mulleres, o tempo é idéntico entre ambas as funcións.

Como xa se indicou, a función de proporcionar roupa é a que presenta un repartimento máis desigual, cun 87% realizado polas mulleres e só un 13% polos homes, o que se reflicte tamén no peso que ten esta función en cada sexo: un 6% nos homes e un 14% nas mulleres.

Por último, o 6% do VEB xerado pola produción doméstica corresponde a traballo voluntario, cun peso moi superior nos homes, cun 10% fronte a un 4% nas mulleres.

O consumo dos fogares galegos increméntase un 53% ao incluír a produción doméstica

Na conta satélite de produción doméstica considérase que os fogares son produtores de servizos que autoconsomen e, polo tanto, supón unha maior produción realizada polo sector fogares e ademais vese incrementado o consumo dos fogares na mesma magnitude.

Por outra parte, debe facerse unha reclasificación do consumo dos fogares, de xeito que os bens e servizos que se consideran gasto en consumo final nas contas económicas, deben reclasificarse en consumo final, consumo intermedio ou investimento. Serán consumo intermedio os bens e servizos que se utilizan como input para a produción doméstica (alimentos, deterxentes etc.) e serán investimento os bens de capital que se requiran para realizar esta produción (lavadora, cociña etc.).

Polo tanto, o gasto en consumo final dos fogares obterase a partir da estimación das contas económicas en termos SEC, se deben restar os bens e servizos que na CSPD se consideran consumo intermedio ou investimento e sumar a produción doméstica.

Esta nova estimación reflicte o que os fogares realmente consumiron (exclúense os bens de investimento ou consumo intermedio), ben directamente do mercado, ou ben da produción doméstica xerada no fogar para satisfacer as necesidades dos seus membros, e increméntase un 53% con respecto ao estimado nas contas económicas en termos SEC.
R.