Skip to main content

Pesca y cofradías de la ría de Pontevedra acuerdan un plan de trabajo

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e os mariscadores da Ría de Pontevedra acordaron un plan de traballo para os pósitos de Lourizán, Raxó e Pontevedra afectados polo cambio de clasificación sanitaria das súas zonas de produción de moluscos bivalvos de B a C. De feito, pecharon unha actuación que se porá
en marcha o luns 18 de xuño e que consistirá na realización de tarefas de limpeza de algas e residuos, traballos de remoción e osixenación dos bancos marisqueiros e traslado de ameixa fina entre zonas B.

Concretamente, no referente á mudanza de ameixa fina cabe sinalar que se levará doutros bancos catalogados como zona B ao banco de Combarro, tamén clasificado como B. O traslado obedece ao feito de que esta área ten unhas mellores condicións para o crecemento do molusco.

Pola realización destes labores, arredor duns 400 mariscadores da Ría de Pontevedra percibirán un total de 88 euros por día traballado. Ao longo do mes de xuño traballarán un total de cinco días, un período que será de dez xornadas nos caso dos meses de xullo, agosto e setembro. Posteriormente, a mediados de setembro, celebrarase unha nova xuntanza entre o sector e o departamento de Pesca para determinar se se continúa coas mesmas tarefas ou é preciso revisalas.

O acordo pechado logrouse nunha xuntanza celebrada en Santiago
de Compostela presidida polo director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, na que estiveron presentes representantes do sector marisqueiro de Raxó, Lourizán e Pontevedra, así como o a delegada de Pesca en Pontevedra, Ángeles Montero, e técnicos do departamento que dirixe Carmen Gallego.

Mantemento de renda

Coa xuntanza dase un paso máis na consecución do que lles
asegurara a propia Conselleira aos pósitos da Ría de Pontevedra o pasado mes de abril: que non sufrirán perdas de renda como consecuencia do cambio temporal das súas zonas de produción. Naquel entón, Carmen Gallego trasladoulles ás confrarías que a obriga do seu departamento é garantir aos consumidores que o produto que chega ao mercado está en boas condicións. Non entanto, tamén lles manifestou que é vontade da Consellería compensar aos mariscadores para que non sufran perdas de renda.

Tralo cambio a zona C da Ría de Pontevedra e doutras zonas da costa galega, o Goberno da Xunta, a través das Consellerías de Pesca e Medio Ambiente, puxo en marcha un plan de actuacións de emerxencia para mellorar a calidade das augas nas zonas de produción de moluscos bivalvos. O obxectivo destas iniciativas é reducir a carga microbiolóxica nos bancos marisqueiros.

Deste xeito, na xuntanza do Consello do Executivo galego do pasado 19 de abril propuxéronse varias iniciativas con carácter urxente a aplicar nas rías de Pontevedra, A Coruña, Vigo e Arousa e cuxo orzamento ascende a 8,2 millóns de euros. Ademais, a Consellería de Pesca destina un total de 14,8 millóns de euros para a posta en marcha de plans de traballo consensuados co sector co fin de paliar a situación económica dos traballadores do mar afectados polo cambio de clasificación das zonas marisqueiras.
R.