Skip to main content

Compostela acoge la XXX Reunión del Grupo Científico del Convenio de Londres

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

Intervención da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, na apertura da XXX Xuntanza do Grupo Científico do Convenio de Londres (Organización Marítima Internacional-OMI), que se reúne en Santiago de Compostela do 18 ao 22 de xuño:

No nome do Goberno galego quero darlles a benvida a Galicia, e amosar a nosa satisfacción por acoller na nosa comunidade a 30ª reunión do Grupo Científico do Convenio de Londres. Nesta sala están representados unha vintena de países de todo o mundo; diferentes culturas; linguas e identidades. Pero todos nós compartimos o compromiso coa protección do medio ambiente, e máis concretamente coa protección do medio mariño.

Galicia historicamente desenvolveu unha estreita relación co mar. O mar é a base dun sector estratéxico da nosa economía. O mar é unha das esencias da nosa cultura e da nosa identidade como pobo. Por iso, un dos obxectivos prioritarios do Goberno galego é a protección do medio mariño, entendida tamén como unha garantía de futuro dos galegos. Nos dous últimos anos, estamos traballando baixo o principio de que é posible compatibilizar o desenvolvemento económico co respecto ao medio ambiente.

Non só estamos convencidos de que ese equilibrio é posible, senón que ademais estamos involucrando e apoiando as iniciativas dos profesionais nesa liña. Acabamos de crear a primeira Reserva Mariña de Interese Pesqueiro de Galicia, en Lira. Está previsto que o director xeral de Recursos Mariños da Xunta de Galicia faga unha presentación deste proxecto na reunión, polo tanto non me vou a extender sobre o mesmo.

Soamente quixera destacar que a Reserva Mariña é o resultado dun traballo conxunto entre a administración pesqueira galega e os pescadores da zona. E dicir, é o resultado do compromiso dos profesionais do mar coa protección dos recursos. Ademais, a creación desta área protexida aportará novas oportunidades socioeconómicas que favorecerán a diversificación das actividades da comunidade pesqueira. Noutras palabras, a protección do medio convértese nun valor engadido que revaloriza a produción pesqueira, ou as actividades de turismo e lecer desenvolvidas na zona.

O Plan de repoboación de especies mariñas é outra das iniciativas pioneiras que estamos levando a cabo coa colaboración do sector. O proxecto pretende avaliar as posibilidades de repoboación dos nosos caladoiros con especies mariñas autóctonas de alto valor comercial. Xa se soltaron un total de 25.000 xuvenís de rodaballo na Costa da Morte e nas Rías Baixas, e 3.300 lumbrigantes na Reserva Mariña de Lira. O obxectivo xeral é utilizar esta ferramenta na xestión dos recursos pesqueiros.

Dende a catástrofe do Prestige a nosa capacidade para dar unha resposta axeitada a un episodio de contaminación mariña accidental, mellorou substancialmente. Contamos con máis medios humanos e materiais, e potenciamos a colaboración e coordinación cos medios estatais.

Na prevención e loita contra a contaminación mariña, no goberno galego traballamos simultaneamente en tres direccións: a mellora na formación dos nosos equipos humanos; o incremento de medios; e a mellora da súa eficacia a través da colaboración e da coordinación co resto das administracións implicadas.

O Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia asinamos un convenio de colaboración que, no tocante á prevención e loita contra a contaminación mariña, recolle o desenvolvemento de protocolos para o intercambio de información e o emprego coordinado dos medios de ámbalas dúas administracións. De feito, no marco deste convenio, efectuáronse xa 24 exercicios conxuntos de loita contra a contaminación mariña para mellorar o procedemento operativo e a eficacia de resposta ante unha emerxencia.

Dende o pasado mes de decembro, Galicia conta cun Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña, que establece os protocolos de actuación que debe seguir o Goberno galego para facer fronte a situacións de loita contra a contaminación e para coordinarse co Plan Nacional.

En definitiva, para o goberno galego a protección do medio ambiente e a loita contra a contaminación mariña non se trata dun reto que poidamos asumir en solitario. Estamos convencidos de que a nosa eficacia, o noso éxito nesta empresa, vai depender en grande medida da nosa capacidade de colaboración e de coordinación con outras administracións implicadas na materia.

Nesta liña, quero felicitar ao grupo científico do Convenio de Londres polo traballo que está realizando para a protección do medio ambiente mariño. E moi especialmente, polo seu esforzo por integrar e comprometer ás organizacións internacionais neste obxectivo.

Confío en que as sesións de traballo que inauguramos contribúan a avanzar nas medidas de protección do medio mariño. Contan co apoio e a colaboración de Galicia neste senso. Presidente, delegados, que teñan unha frutífera reunión e que gocen da súa estadía entre nós.

Moitas grazas.
R.