Skip to main content

A Coruña acoge el I Encuentro Nacional de Acuicultura Continental

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos:

Intervención de la conselleira de Pesca de la Xunta:

Como Conselleira de Pesca da Xunta de Galicia supón unha satisfacción na Coruña inaugurando o 1º Encontro Nacional de Acuicultura Continental. Quero felicitar a Atrugal pola organización desde foro de análise sobre as estratexias de futuro da acuicultura continental.

Teño que destacar a oportunidade deste encontro para abordar, dende unha perspectiva global, os grandes retos aos que se enfrentan os produtores de acuicultura continental. Como xa se destacou nesta mesa, España é un dos principais produtores europeos e o cuarto exportador mundial de troita. E Galicia, máis concretamente, contribúe con 11.000 toneladas a este liderado.

En Galicia, autorizouse o primeiro establecemento dedicado a acuicultura continental no ano 1969. Dende entón, o sector experimentou un crecemento progresivo. Nos últimos anos deuse un incremento da capacidade produtiva sen aumento da superficie de estanques. Este salto cualitativo foi posible grazas a melloras técnicas como a modernización de instalacións, a introdución de sistemas de recirculación, e aos avances na nutrición.

As empresas tamén están facendo un importante esforzo para ofertar produtos con maior valor engadido e para abrir novos mercados no exterior. Ademais, están desenvolvendo iniciativas para asegurar a calidade da súa produción, como a guía de prácticas correctas de hixiene para a obtención de troitas.

Dende a Consellería de Pesca estamos apoiando aos produtores de acuicultura continental particularmente no que se refire á modernización das instalacións, e a dotación de equipamentos que permitan incrementar o valor engadido da produción e o desenvolvemento de novos produtos. Neste senso, no último período do IFOP, apoiamos con 2,8 millóns de euros o desenvolvemento de 43 proxectos presentado por 18 empresas de acuicultura continental. É dicir, todos os proxectos presentados á Consellería de Pesca, que cumprían cos requisitos establecidos, contaron coa nosa axuda.

Estamos traballando tamén na formación de técnicos especializados na acuicultura en auga doce. No Instituto Galego de Acuicultura estanse impartindo cursos especializados. O centro conta cunha unidade experimental de acuicultura continental en circuíto pechado para o cultivo de troita.

A entrada en vigor dos novos Fondos Europeos da Pesca abre novas oportunidades para abordar as estratexias de futuro do sector. Aínda que xa se falou deste tema na primeira sesión de traballo do Congreso, quero suliñar que o Fondo Europeo da Pesca mantén as axudas para a acuicultura continental e que a administración pesqueira galega mantén a súa aposta polo sector e a súa decisión de continuar apoiando todos os proxectos que respecten os criterios establecidos.

Como é ben sabido, o Fondo Europeo contempla axudas para a modernización das instalacións co obxectivo de mellorar a calidade do produto, as condicións de traballo e os efectos sobre o medio ambiente. De feito, establece axudas compensatorias polo uso de métodos de produción acuícola que contribúan a protexer e a mellorar o medio ambiente e a conservación da natureza.

Esta liña prioritaria coincide co obxectivo do goberno galego de compatibilizar o desenvolvemento das actividades económicas co respecto ao medio ambiente. No só estamos convencidos de que este equilibrio é posible, senón que ademais estamos comprometendo aos sectores produtivos neste obxectivo.

Estamos fomentando o crecemento da I+D aplicada á modernización das estruturas produtivas, a formación, etc. Pero sobre todo estamos traballando conxuntamente cos sectores produtivos para acadar este obxectivo. Estou convencida de que a administración galega e os produtores de acuicultura continental seguiremos afondando na vía da colaboración e do diálogo para afrontar os retos de futuro do sector e consolidar a súa posición de liderado.

Agardo que as conclusións das sesións de traballo contribúan a este obxectivo, e que os participantes que proceden doutras comunidades autónomas gocen, ademais, da súa estadía en Galicia.

Moitas grazas
R.