Skip to main content

Vigo acoge las Jornadas sobre el Libro Verde de Política Marítima

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

No nome do Goberno de Galicia quero dar a benvida a todos os ponentes e asistentes que se desprazaron desde fora de Galicia para participar nestas xornadas. Moitas grazas por aceptar a nosa invitación a estar en Vigo para reflexionar sobre a futura política marítima europea.

O mar é a esencia da identidade de Galicia. A nosa historia, a nosa cultura, o noso desenvolvemento económico están fonda e historicamente vencellados ao mar. E aspiramos a seguir afondando nesa intensa relación.

Non e casual que decidiramos que Vigo fora a sede destas xornadas. Esta cidade é a que mellor sintetiza a relación de Galicia co mar, e a súa capacidade xeradora de valor e de coñecemento.

Dende Galicia, polo tanto, temos que aplaudir a iniciativa de definir unha política marítima que integre o crecemento das actividades económicas, o emprego, a cohesión social, a salvagarda do patrimonio natural e cultural e a protección do medio ambiente. De feito, Galicia está participando activamente no proceso de debate sobre o Libro Verde.

Constituímos un grupo interdepartamental autonómico, integrado por todas as consellerías implicadas, para elaborar a posición do goberno galego respecto á futura política marítima europea. Coordinamos os traballos do grupo interautonomías do litoral español para definir a postura das comunidades marítimas sobre o Libro Verde. E impulsamos o debate no seno do grupo de pesca do Arco Atlántico.

As xornadas que inauguramos culminan o traballo que se está desenvolvendo dende Galicia para aportar ao Libro Verde a nosa visión dunha política marítima integrada. Logo de máis dun ano de traballos sobre a proposta da Comisión, a nosa primeira conclusión é que o proxecto ten que enriquecerse coa achega de novas percepcións. O Libro Verde, na súa versión actual, non recolle a diversidade rexional da Unión Europea. Por iso, o posicionamento de Galicia incide na necesidade de que a futura política marítima europea contemple a especificidade das comunidades litorais do sur de Europa.

Galicia aposta por un futuro onde o desenvolvemento sostible sexa o eixo central da política marítima; e o coñecemento científico, o principal soporte e garantía das actividades económicas. Un futuro onde sexa realidade a interconexión física de persoas e mercadorías, reforzada por unha correcta implementación das autopistas do mar e da seguridade marítima; e a interconexión social e empresarial, baseada no asociacionismo e nas políticas integradas.

Dende Galicia defendemos un maior protagonismo das rexións nos procesos de xestión integral. Por iso na nosa proposta sobre o Libro Verde propoñemos a creación de Comités Consultivos Rexionais para a Política Marítima. O obxectivo é definir grandes áreas rexionais de proximidade e características naturais e socioeconómicas homoxéneas, que permita desenvolver políticas integradas adaptadas as particularidades rexionais.

A futura política marítima europea debe adaptarse á evolución dos sectores económicos vencellados á explotación dos recursos mariños. O espectacular crecemento da acuicultura en granxa plantexa necesidades relativas á xestión e regulación deste desenvolvemento dende as instancias comunitarias. No caso da pesca, o Libro Verde ten que recoller a vontade, e os instrumentos básicos, para a posta en funcionamento dun sistema integrado e global de vixilancia contra a pesca ilegal ou non regulada. Neste programa hai que incluír accións sobre o comercio, o consumo e as relacións internacionais. Ademais, é importante considerar a participación nestes programas dos axentes económicos e sociais.

Respecto ás actividades portuarias, dende Galicia apostamos por conceptuar os portos como espazos de xestión única. É dicir, é necesario regular conxuntamente o espazo e os servizos: descarga, almacenamento, distribución e incluso primeiro tratamento das mercadorías. Tamén é importante desenvolver a intermodalidade e mellorar as infraestructuras do transporte mais alá da franxa costeira.

A calidade formativa ten que ser unha das prioridades da futura política marítima europea. A Unión Europa debe ser rigorosa na definición de requerimentos profesionais e no seu control, para evitar a degradación profesional e dignificar o emprego no mar. O Libro Verde ten que avanzar na mellora das condicións laborais dos traballadores do mar e nas políticas de prevención de riscos e seguridade a bordo.

Dende a negativa experiencia de Galicia en materia de episodios de contaminación mariña, consideramos que as propostas comunitarias nesta materia aínda son demasiado tímidas; especialmente no que respecta a responsabilidade civil e penal por conductas irresponsables. Nós non temos dúbidas ao respecto: a mellor política disuasoria é aquela que contempla que a responsabilidade dos causantes de accidentes debe abarcar, en xustiza, todas as consecuencias. Noutras palabras: quen contamina, paga. Tamén somos partidarios de que os custos de seguridade deben ser asumidos por todas as empresas da cadea, coma un custo
operativo máis. Como instrumentos propiamente comunitarios, defendemos a creación do corpo europeo de gardacostas e o reforzamento da acción executiva e política da Axencia Europea de Seguridade Marítima.

Por último, quixera insistir na necesidade dunha maior integración dos diferentes ámbitos da I+D, acorde coas necesidades de xestión integral plantexadas no Libro Verde. Temos que definir programas de investigación mais transversais e mais integrados coas iniciativas empresariais, reforzando as plataformas tecnolóxicas mariñas.

Europa non pode establecer principios de precaución por non ter coñecemento científico. Hai que xerar máis investigación mariña, crear centros con multiplicidade de disciplinas ata hoxe pouco integradas nos programas xerais de I+D europeos. E, sobre todo, ten que ser posible visualizar as posibilidades dos impactos dos resultados das investigacións nos sectores de actividade relacionados co mar.

Estamos a cinco días de finalización do proceso de debate e aportacións ao Libro Verde. A nosa intención é facer chegar oficialmente á Comisión as conclusións desta xornada e, como xa suliñei, que a futura política marítima europea recolla as particularidades das rexións marítimas do sur de Europa.

Confío en que as xornadas que inauguramos contribúan a acadar este obxectivo, e que gocen da súa estadía en Galicia.

Moitas grazas.
R.