Skip to main content

Pesca invierte 100.000 euros en el Plan Director del Mejillón de Galicia

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de la Xunta de Galicia:

O director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, o presidente do Consello Regulador Mexillón de Galicia, Ramón Dios, e o director da Escola de Negocios Caixanova, Eduardo García, reuníronse cos representantes do sector mexilloeiro galego (Opmega, Agame e Arousa Norte) para darlles a coñecer de forma pormenorizada o Plan Director do Mexillón, impulsado pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e que pretende recoller a diagnose da situación actual desta actividade profesional xunto co deseño de plans de actuación futuros. Para a posta en marcha desta iniciativa o departamento que dirixe Carmen Gallego aporta un total de 100.000 euros, así mesmo Caixanova achega outros 50.000 euros. Esta xuntanza supón o punto de partida para a elaboración deste proxecto, no que a participación directa do sector é primordial.

Aínda que esta actividade económica avanzou moito nos últimos anos, así o demostra a consecución da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia concedida pola Unión Europea, debe facer fronte a retos vindeiros co obxectivo de manter e mellorar a súa importancia socioeconómica e a súa posición competitiva no mercado. De feito, o sector bateeiro de Galicia atópase neste momento ante a disxuntiva de sentar as bases para o futuro, sendo esta unha situación na que será decisiva a visión estratéxica dos principais axentes. Consciente disto, o Consello Regulador Mexillón de Galicia prantexouse a necesidade de realizar unha análise en profundidade da situación actual que permita definir o camiño a seguir. Neste sentido, a Escola de Negocios Caixanova coordinará a elaboración do Plan Director, xa que foi esta mesma entidade a que realizou unha diagnose do sector hai dez anos.

No marco do Plan, e co obxectivo de deseñar as actuacións futuras, levaranse a cabo unha serie de actividades entre as que se atopan a análise da evolución do sector mexilloeiro galego, comparándoo cos seus principais competidores, e o estudo da estrutura e da cadea de valor, determinando os seus puntos fortes e as súas carencias. Ademais, contrastarase a actividade bateeira co seu entorno, determinando a posición do mexillón dentro da acuicultura a nivel nacional, e analizarase a percepción que o consumidor ten deste produto.

Outra actividade que se levará a cabo é a posta en marcha dun foro de difusión de iniciativas asociativas de éxito para extraer paralelismos e exemplos de boas prácticas que poidan servir de aplicación á situación actual do sector mexilloeiro de Galicia. Así mesmo, contrastarase a información recompilada para extraer conclusións que permitan elaborar o Plan Director, entendendo como tal o documento no que se recollen os obxectivos a acadar nos vindeiros anos, as liñas a seguir e os programas estratéxicos a desenvolver.

Durante a reunión que José Manuel López Rodríguez mantivo co sector, explicoulles que a metodoloxía a seguir para a elaboración do Plan Director descansará sobre dous piares básicos: as mesas de traballo, que serán as encargadas de realizar a diagnose e definir o Plan, e a obtención de información complementaria. Nestas mesas de traballo participarán os principais axentes implicados no futuro do sector mexilloeiro e o número de persoas que participará en cada unha delas non será superior a doce.

Prantéxase a priori a realización de oito xuntanzas de traballo, cunha periodicidade mensual, nas que deberán tocarse, entre outros, os seguintes temas: diagnose e deseño do negocio; definición dos programas para elixir o futuro da empresa; coñecemento das novas tendencias e das intencións dos competidores; e extensión dos beneficios da aprendizaxe organizativa ao conxunto do sector.

Pola súa banda, a Escola de Negocios Caixanova encargarase da recompilación e da análise da información complementaria precisa para as distintas xuntanzas, obtida trala consulta de fontes secundarias e incluso dalgún estudio que se realice. Esta documentación será enviada a cada un dos compoñentes da mesa de traballo con antelación ás reunións.

De cara a obtención de información, levarase a cabo unha comparación do sector bateeiro galego cos seus competidores, á vez que se realizará un Plan de Escoita ao Cliente para determinar a percepción que existe do mexillón de Galicia por parte dos consumidores, tanto as canles de distribución deste produto como os clientes finais. No caso da canle de distribución o propósito é realizar un total de 422 enquisas a xefes de compras e responsables de tenda e, no ámbito do consumidor, consultarase a un total de 1.100 persoas. En canto ao ámbito xeográfico traballarase tanto a nivel da nosa Comunidade Autónoma como a nivel nacional dividíndose o territorio español en oito áreas de análise: Barcelona, Noreste, Levante, Madrid, Sur, Centro, Noroeste e Norte.

Os axentes que conforman a actividade mexilloeira en Galicia non poden permanecer alleos ao momento histórico que atravesa o sector. Por iso, considérase que será de grande utilidade un foro complementario de experiencias de éxito-fracaso que axude a establecer paralelismos con outras organizacións ou movementos asociativos que culminaron favorablemente na posta en marcha dunha Denominación de Orixe Protexida.

Segundo a Escola de Negocios Caixanova, eses casos de éxito deberán ter impacto na competitividade do sector e puntos de conexión, tanto históricos como organizativos, coa realidade do sector mexilloeiro.

Así, proponse a realización de dous foros destas características nos que se deberá contar con personalidades de prestixio nacional e internacional. Un deles sobre “A Denominación como oportunidade estratéxica”, no que se informará ao sector da potencialidade que supón dispoñer dunha ferramenta de diferenciación e de excelencia, xa que empregada de xeito adecuado pode constituír unha grande vantaxe fronte aos competidores.

Noutro foro, que versará sobre os “Camiños para a competitividade”, presentaranse as conclusións esenciais do traballo de diagnose e deseño realizado co sector, á vez que se porán enriba da mesa outras experiencias de interese que vaian na liña desas conclusións.
R.