Skip to main content

Las consellerías de Pesca y Traballo apuestan por la formación para prevenir los accidentes laborales en el sector pesquero

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego, e o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, asinaron un protocolo de colaboración co que se pretenden fixar as directrices para o desenvolvemento do Plan de Prevención de Riscos Laborais no sector pesqueiro galego. Os dous departamentos autonómicos apostan pola formación como ferramenta chave para atallar a sinistralidade laboral vencellada á actividade marítimo-pesqueira.

O protocolo, asinado esta mañá en Burela, enmárcase nas actuacións derivadas do Plan Integral de Formación Marítimo-Pesqueira e Portuaria de Galicia, elaborado pola Consellería de Pesca a través da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, e tamén se enmarca dentro do Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais (2006-2010) da
Consellería de Traballo. O seu obxecto é establecer unha colaboración entre ambas consellerías para impulsar actividades de prevención de riscos laborais entre os profesionais do mar, incidindo especialmente na formación.

De feito, dita cooperación concretarase na impartición dos cursos que se consideren precisos en cada momento por parte de técnicos do departamento que dirixe Carmen Gallego, así como na organización de visitas ás confrarías de pescadores por un técnico de Pesca e outro de Traballo para informar e formar aos seus membros sobre a prevención de riscos laborais no sector pesqueiro.

Neste eido, cabe sinalar que se realizarán visitas técnicas de
asesoramento a unha mostra de 400 embarcacións de menos de 24 metros co obxectivo de elaborar un informe da situación das nosas embarcacións máis pequenas e aconsellar aos armadores sobre aqueles puntos que teñen que revisar.

Ademais, designaranse equipos de ambos departamentos para a elaboración de unidades didácticas de formación en prevención de riscos no traballo e técnicas pesqueiras para traballadores autónomos de recursos específicos (mariscadores, percebeiros, etc.), incidindo sobre os problemas músculo-esqueléticos no marisqueo. Actualmente estase a traballar xa na elaboración dunha unidade didáctica neste eido, cun plan de divulgación que inclúe talleres de prevención. Estas unidades complementaranse coas
aportacións do propio sector a través de federacións de confrarías ou sindicatos, entre outros.

Segundo o protocolo asinado entre Pesca e Traballo o departamento de Ricardo Varela organizará cursos de formación en prevención de riscos laborais, cun programa específico, para os profesores de Pesca encargados de impartir docencia aos traballadores do sector. Así mesmo, desenvolverase un plan de concienciación e asesoramento á flota galega e realizarase un seminario sobre riscos laborais no mergullo que analice as dificultades desta actividade e propoña as medidas de mellora de equipamentos que deben adoptar tanto os mergulladores que extraen recursos como aqueles que realizan outros traballos profesionais.

Por outra banda, as dúas consellerías colaborarán na organización do Congreso de Prevención de Riscos e Seguridade na Pesca de Baixura que se celebra en Santiago de Compostela os días oito e nove de outubro.

Aboia e Vixía

Ao amparo do protocolo firmado esta mañá en Burela tamén se realizarán conferencias e coloquios nas escolas náutico-pesqueiras para os alumnos sobre o Plan Vixía. Así mesmo, técnicos de prevención da Consellería de Traballo asignados ao Plan Vixía participarán naquelas actividades formativas realizadas por Pesca nas que se considere oportuna a súa
presenza para explicar dita actuación.

Neste eido, cabe sinalar que o Plan Vixía foi presentado o ano pasado na inauguración do I Congreso Galego de Prevención de Riscos Laborais no Sector Pesqueiro celebrado en Vigo. Esta iniciativa de formación e información contempla unha serie de actuacións coas que se quere concienciar da enorme necesidade de incorporar a prevención de riscos no traballo marítimo-pesqueiro.

Dentro do Plan Vixía inclúese o Proxecto Aboia, que puxeron en marcha Pesca e Traballo para mellorar as condicións de seguridade a bordo dos buques polo que se entregaron aos profesionais do mar chalecos salvavidas autoinflables. De feito, no marco desta iniciativa, a Consellería de Pesca xa fixo entrega duns 330 chalecos a distintas confrarías de pescadores e
está prevista a entrega de 150 máis em breve. Ademais, o protocolo entre
os dous departamentos inclúe a realización dunha campaña sobre o uso
destes chalecos por parte dos traballadores autónomos de baixura.

Por último, o documento asinado hoxe tamén contempla a utilización das lanchas do Servizo de Gardacostas para as tarefas de inspección. Deste xeito, a Consellería de Pesca comprométese á posta a disposición das embarcacións de Gardacostas para que os técnicos de Seguridade e Saúde Laboral e inspectores de Traballo poidan realizar as correspondentes visitas aos barcos que estean pescando.

Pola súa banda, o departamento que dirixe Ricardo Varela porá a
disposición de Pesca técnicos de prevención de riscos laborais para a realización de actuacións conxuntas, para inculcar nos traballadores do mar o necesario cumprimento das normas relativas a seguridade.

Para velar pola boa execución do convenio de colaboración, o protocolo establece a creación dunha comisión de seguimiento que estará formada por dous representantes de Traballo, dous de Pesca e un secretario adscrito tamén ao departamento que dirixe Ricardo Varela.

Actuacións previstas para 2007

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos destinará este ano un total de 870.000 euros a programas de formación en seguridade marítima e cursos de prevención de riscos laborais. De feito, calcúlase que, ao longo de 2007, se desenvolverán máis de 70 cursos de seguridade marítima que serán seguidos por uns 1.230 alumnos e profesionais do sector, así como 16 cursos de prevención de riscos no traballo.

Deste modo, un total de 590 alumnos seguirán os 31 cursos de formación básica que se desenvolverán nos distintos portos da xeografía galega, impartíndose a parte teórica nas confrarías e a práctica en unidades móbiles no propio porto.

Por outra banda, na Aula de Seguridade de Ferrol terán lugar 40 cursos de superviviencia e botes de rescate non rápidos, loita avanzada contraindencios e formación básica. Estas actividades formativas estarán dirixidas a 640 alumnos das escolas e profesionais do sector marítimo-pesqueiro.

Sinistralidade no mar

Tanto a Consellería de Pesca como a de Traballo entenden que entre todas as actividades laborais consideradas como de alto risco, o traballo nos buques pesqueiros deixa a taxa de accidentabilidade máis elevada e isto débese a que os barcos son plataformas móbiles o que se traduce nunha situación de equilibrio inestable permanente. Ademais, hai que ter en conta que esta actividade caracterízase por ter un horario de traballo
axustado ao ritmo que marca o mar e as súas capturas, así como os riscos inherentes á propia navegación.

Por outra banda, os buques son ao mesmo tempo vivenda e lugar de traballo, xa que en certos tipos de pesca os mariñeiros viven a bordo durante cinco ou seis meses. Así mesmo, e en moitas embarcacións, os espazos son reducidos e os camarotes deben ser compartidos polo que as condicións hixiénicas non son as máis axeitadas.

Nesta dirección, son destacables os resultados que se desprenden dun estudo encargado pola Consellería de Pesca á aseguradora Artai, do que se desprende que un total de 454 mariñeiros galegos perderon a vida entre os anos 1991 e 2006 ao seren víctimas de accidentes marítimos e laborais durante o desempeño da súa actividade profesional. Se excluimos 1991 por ser un ano excepcional, xa que se rexistraron 94 falecementos, a media de
mariñeiros galegos mortos no período analizado sitúase en 24 persoas por exercicio. De todos os xeitos, as cifras dos dous últimos anos melloran este índice xa que se produciron 14 mortes en 2005 e sete en 2006.

Por eso, os dous departamentos entenden que a formación en prevención de riscos laborais xunto con outras actuacións que se desenvolvan no ámbito da seguridade laboral constitúen unha vía fundamental para conseguir unha maior seguridade dos profesionais marítimo-pesqueiros que traballan en Galicia.
R.