Skip to main content

El esfuerzo por la igualdad centra la segunda Víspera del 25 de julio en Monte Pío

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, recibe o martes 24 de xullo pola mañá en Monte Pío a máis dun cento de representantes de asociacións galegas que traballan na Comunidade Autónoma a prol da igualdade. No decurso do acto, denominado A Véspera, ábrense ás portas de Monte Pío aos cidadáns e ponse o acento sobre a necesidade de que Galicia continúe avanzando en materia de igualdade.

O acto A Véspera, que este ano se celebra por segunda vez, pretende deste xeito servir de homenaxe e recoñecer, por parte da Presidencia da Xunta, o esforzo continuado que as diferentes asociacións representadas realizan ao longo de todo ano a prol da igualdade. Precisamente, o marco político actual, no que se vén de aprobar recentemente no Parlamento a Lei de Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia e a Lei para a Prevención e o Tratamento Integral da Violencia de Xénero, fai deste o momento propicio para dedicar A Véspera ás mulleres

Así, logo de que o ano pasado se recoñecese o labor das institucións e fundacións que traballan en Galicia polo recoñecemento da identidade galega, este ano o acto terá como protagonistas ás mulleres. Destacan, entre as diferentes asociacións representadas, a Fundación Érguete, a Asociación Afamer Galicia, a Asociación de Mulleres Axiña, a Asociación de Mulleres Nosa Señora de Aguas Santas de Frades, a Federación de Asociacións de Mulleres Anaral, a Asociación Alecrín de Vigo, a Asociación A Xuntanza de Lugo, a Asociación Provincial de Amas de Casa e Consumo Rías Baixas, a asociación Mulleres pola Igualdade da Coruña, a asociación de Mulleres Progresistas de Ferrol, a Asociación Mulleres Xitanas de Galicia Adikernado ou a Federación Provincial de Mulleres para o Desenvolvemento Rural Ceres, entre moitas outras.

Espectáculo de luz e son

Xa pola noite do día 24 de xullo, Emilio Pérez Touriño asiste, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, ao concerto que ofrecerá a Real Filharmonía de Galicia con motivo da Festividade do Apóstolo Santiago. Inmediatamente despois, desde o Pazo de Raxoi, Pérez Touriño presidirá o tradicional espectáculo de luz e son que se celebra no Obradoiro con motivo do Día de Galicia.

Ofrenda ao Apóstolo

Ao día seguinte, o presidente da Xunta asiste aos actos de ofrenda ao Apóstolo Santiago que acolle a Catedral de Santiago e nos que a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, actuará como delegada rexia.

Pola tarde do día 25, en San Domingos de Bonaval, Pérez Touriño preside a entrega da Medalla de Ouro de Galicia a Isaac Díaz Pardo. Coa entrega desta distinción, a máxima que concede o Goberno galego, a Xunta recoñece a traxectoria de Díaz Pardo a prol da cultura da comunidade, especialmente nos eidos da literatura e das belas artes. A homenaxe destaca o periplo dun home que levou a bandeira da arte galega polos todos os países non que viviu ou pasou parte da súa vida.
R.